Entenza, un topónimo salcedense recuperado

Desde o fin da Idade Media, a toponimia galega sufriu un proceso de castelanización tan intenso nalgúns nomes que implicou, na escrita e mesmo na oralidade, a desaparición das formas orixinais galegas en favor das deturpadas en castelán. Este foi o caso, entre outros moitos, do nome da freguesía salcedense de Entenza.

Ata datas recentes, a forma maioritaria que se podía escoitar por Salceda de Caselas, mesmo en persoas maiores galegofalantes era *Entienza, de acordo coa forma empregada na documentación administrativa desde tempos remotos. Xa desde o século XVI, o castelanismo *Entienza foi desprazando á forma autóctona ata ser a forma exclusiva na documentación administrativa, nos nomenclátores de poboación, na cartografía antiga e en rexistros de topónimos coma o Catastro da Ensenada ou o dicionario de Pascual Madoz.

Pero se consultamos a documentación histórica da época medieval podemos comprobar que ata o século XVI a forma galega foi exclusiva en textos escritos en galego e latín con variantes como Antenza (“facta carta ista in Atenza”, ano 1166), Antenza (“Castellum de Antenza”, 1170), Antencia (“tenente Castello Antencia”, 1223), Intenza (“Gomez de Intenza”, 1129), Entença (“enna dita feligresia de Entença”, 1448) e, por último, Entenza, xa documentado desde o século XIII. A partir do século XVI, a forma galega irá sendo desprazada pola forma deturpada, con máis forza xa no século XVIII. A isto contribuíu o feito de que a diocese de Tui foi naquela época a máis castelanizadora das dioceses galegas no que respecta aos nomes das parroquias, segundo Gonzalo Navaza.

E cal é a orixe do topónimo Entenza? Para o propio Gonzalo Navaza, este topónimo exclusivo do sur da provincia de Pontevedra e do Salnés provén do sintagma latino IN TENENTIA. Por tanto, estaría relacionado coa voz do galego común tenza  ‘propiedade’. Trátase, xa que logo, dun derivado do verbo latino TENERE ‘ter, posuír’  e faría referencia a un territorio posuído ou administrado por un “tenente”, posiblemente desde o antigo castelo de Entenza, xa desaparecido. Daquela, o topónimo Entenza podería ser sinónimo de Couto no sentido de territorio acoutado pertencente a un señorío laico ou eclesiástico dependente dun mosteiro.
 

Tamén che pode interesar...

Por trás de cada um dos mais de 40 mil nomes de lugares que fazem parte do nosso Nomenclátor, existe uma motivação e uma razão de ser.…

É muito difícil ouvir a palavra Camariñas sem se deixar levar e recitar os versos que compõem uma das canções mais famosas do…