O CPI Ramón Piñeiro de Láncara, primeiro centro de ensino en recibir a campaña Toponimízate 2024
Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra visita o seu primeiro centro de ensino nesta campaña 2024. Será o CPI Ramón Piñeiro de Láncara este mesmo venres 20, ás 12:00 h. Na actividade participará o alumnado de secundaria do centro e mais os familiares que este convide.
O acto será presentado por Carlos Carballo Sieiro, director do centro, e por Alba Sangil de Andrés, concelleira de Desenvolvemento Local, Cultura, Deporte, Medio Ambiente, Participación Veciñal e Novas Tecnoloxías. A ambos os dous pareceulles unha interesante iniciativa involucrar o alumnado xunto cos seus pais e avós no proxecto colaborativo Galicia Nomeada co obxectivo de salvagardar a toponimia menor deste concello lugués. Por iso foi escollido este centro de ensino para realizar a charla da campaña coa que a Real Academia Galega, en colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, están a percorrer o país na procura de institucións e persoas colaboradoras na recuperación deste inmenso patrimonio cultural inmaterial co que conta Galicia.
Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia do Seminario de Onomástica, será o encargado de impartir un relatorio co que procurará sumar colaboradores e colaboradoras que engadan os microtopónimos (nomes de leiras, fontes, penedos, camiños, regueiros...) de Láncara na plataforma Galicia Nomeada e, ao mesmo tempo, que coñezan a historia do seu municipio a través deles. Deste xeito, o CPI Ramón Piñeiro será un dos máis de 80 centros de ensino que están actualmente participando no proxecto. Un deles, o IES Pintor Colmeiro de Silleda, con máis de 1.500 achegas toponímicas, figura no podium dos dez usuarios que máis topónimos engadiron desde a posta en marcha da plataforma colaborativa.
A charla estará adaptada ao perfil do alumnado, mais mantendo as liñas básicas da campaña Toponimízate. Así, as rapazas e os rapaces coñecerán o importante papel que xoga a toponimia na nosa vida cotiá e tamén aprenderán como usar a aplicación Galicia Nomeada para participar na recolleita e xeorreferenciación dos nomes menores de cada unha das aldeas onde viven os seus avós e familiares.
Por último, Vicente Feijoo explicaralles a orixe e significado dos nomes das súas parroquias e aldeas. Neste bloque final da charla, descubrirán topónimos curiosos do seu concello, como Toldaos, cuxa existencia pode deberse aos movementos migratorios que, na Idade Media, levarían ata Láncara a un grupo de persoas procedentes de Toledo. Esta parte da charla conta co apoio na investigación etimolóxica do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza.