Toponimízate desembarcará este venres na Illa de Arousa 

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra desembarcará este venres 18 de outubro na Illa de Arousa. A segunda das citas desta semana coa salvagarda da nosa toponimia menor terá como convidados a un grupo duns 50 alumnos de 3º e 4º da ESO do IES A Illa da Arousa e a todos os veciños e veciñas arousáns que desexen acudir ao Salón de Plenos do Concello. A charla será presentada Helena Otero, concelleira de Educación, e por Helena Domínguez, profesora de lingua e literatura galega. 

Foi precisamente o empeño desta docente, que xa iniciara hai tempo co seu alumnado un proxecto didáctico arredor da recolleita da talasonimia arousá (nomes do mar), o que fixo que a campaña Toponimizate chegase ata a illa. Un iniciativa acollida de moi bo grado polas concelleiras de Cultura, Laura Castro, e de Educación, Helena Otero, que mostraron o seu interese en facela extensible a toda a veciñanza. 

Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do proxecto colaborativo Galicia Nomeada e da Unidade Técnica de Toponimia do Seminario de Onomástica, fará un relatorio centrado en todas as posibilidades que ofrece a plataforma para a recolla de nomes de leiras, montes, camiños, regos e outros microtopónimos que corren o risco de perderse. Tamén fará fincapé en como o alumnado e profesorado lle poden tirar un gran rendemento didáctico a traballar con esta materia que ofrece unha información lingüística, histórica e cultural non que non está recollida nos libros.

Tras coñecer o importante papel que xoga a toponimia na nosa vida cotiá, os asistentes á charla aprenderán a usar a plataforma Galicia Nomeada: como se introduce un novo topónimo, cales son as principais tipoloxías, como se inclúe unha imaxe, como engadir un arquivo de son que exemplifique os trazos fonéticos característicos da fala da Illa de Arousa...

Xa para rematar, rapaces e adultos poderán comprender mellor a súa historia local a través da información que lles ofrecen os nomes dos barrios da illa. Saberán que noutrora os habitantes da Illa mallaban o trigo ou o centeo no lugar chamado A Laxe do Pan; ou que a salga do peixe xa está documentada na illa desde o ano 1328 cando o rei Afonso XI lle concede á veciñanza o privilexio para secar e salgar peixe, unha actividade pesqueira que puido propiciar a aparición do topónimo A Salga, nome doutro dos barrios da Illa.

Boiro: peche da campaña Toponimízate 2024

O vindeiro 8 de novembro, a campaña Toponimízate chegará á súa fin por este ano. A cita que porá o ramo a este frutífero 2024 será no Centro Social de Boiro a partir das 20:00 horas.

 

Tipos