As diversas hipóteses para explicar un topónimo único: Testos

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe estudamos, Testos, un exemplo máis deses nomes únicos no Nomenclátor de Galicia. Testos é o nome dun barrio habitado na Illa de Arousa e non existe ningunha outra poboación en todo o noso territorio que se denomine do mesmo xeito. 

Se facemos unha consulta na base de datos de microtoponimia da plataforma Galicia Nomeada, non temos un resultado moito máis esperanzador, fóra dos microtopónimos relacionados con este lugar e todos próximos á costa (Punta do Con de Testos, Punta de Testos, Praia de Testos, Praia do Con de Testos, Porto de Testos, O Con de Testos...), en toda Galicia só hai outros 5 lugares que inclúen o termo Testo ou Testos na súa denominación, catro deles terra dentro e un, en Porto do Son, O Testo, clasificado coa tipoloxías xeográfica de “con”.

Ante esta falta de testemuños co que comparar o topónimo en cuestión que poidan deitar luz sobre a súa orixe e significado, encamiñamos a investigación por outra vía. Se recorremos ao dicionario, unha das definicións que nos ofrece o DRAG do termo do galego común testo é ben interesante ‘valva plana da vieira’, pero aínda máis interesante é o exemplo que se propón: “No Salnés os testos recubrían as fachadas para protexelas da chuvia”. Isto xa nos dá pistas para unha primeira hipótese da motivación deste topónimo.

Se temos en conta o exposto no parágrafo anterior, a forma en plural en que está o topónimo, Testos, semella indicarnos que nas proximidades deste lugar da illa, talvez na zona do areal de Testos ou na Punta de Testos, quizais houbese noutrora unha acumulación destas cunchas traídas pola marea ou alí depositadas por algún motivo. Por exemplo, o Areal do Conchal, na freguesía de Oza (A Coruña), recibe este nome porque nel aínda hoxe se depositan enormes cantidades de cunchas levadas alí pola marea. Mais tamén é posible que as casas da zona estivesen recubertas con estas cunchas á semellanza da famosa Igrexa de San Caralampio da Illa da Toxa, coñecida como a Capela das Cunchas.

Agora ben, que interpretación lles podemos dar a aqueles lugares situados lonxe da costa tamén denominados con este topónimo? Testo é tamén sinónimo de testeiro, isto é, parte frontal dunha cousa con respecto a unha posición ou dos extremos dunha leira. Por tanto, a súa motivación tamén pode relacionarse coa situación dun lugar ou das súas casas, situadas nunha testa, nun estremeiro, altura... No concello da Gudiña hai un monte moi alto chamado O Testeiro, que fai de linde co concello de Viana do Bolo. Posiblemente, a súa motivación sexa a de altura e mais a de lugar limítrofe, pois o verbo testar tamén é sinónimo de estremar

Por último, tampouco podemos descartar que sexa un topónimo despectivo usado como alcume dunha das primeiras familias que habitou o lugar, que fosen moi cabezóns, ou calquera uso metafórico da primeira das acepcións do termo testo co valor de tapa. 

Calquera destes significados propostos puido estar na orixe deste curioso topónimo da Illa de Arousa, Testos.
 

Tamén che pode interesar...

Por trás de cada um dos mais de 40 mil nomes de lugares que fazem parte do nosso Nomenclátor, existe uma motivação e uma razão de ser.…

É muito difícil ouvir a palavra Camariñas sem se deixar levar e recitar os versos que compõem uma das canções mais famosas do…