Boiro pechará a proveitosa campaña Toponimízate 2024

A edición de 2024 da iniciativa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega á súa fin o vindeiro 8 de novembro. A campaña de divulgación do valor cultural da nosa toponimia, que desenvolve a Real Academia Galega co apoio da Secretaría Xeral da Lingua, pechará a edición deste ano no Centro Social de Boiro a partir das 20:00 horas. Farao logo de visitar 12 concellos das catro provincias galegas e sumar ducias de persoas e institucións colaboradoras ao proxecto de salvagarda da nosa microtoponimia, o proxecto colaborativo Galicia Nomeada.

O relatorio será ofrecido como de costume por Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, e será presentado polo alcalde boirense, José Ramón Romero García, e mais a concelleira de Educación e Normalización Lingüística, Carmen Silva Rodríguez.

Boiro é un grande exemplo da importancia que está a adquirir a comunidade de persoas colaboradoras nalgúns concellos do país. Desde a presentación de Galicia Nomeada en decembro de 2019, este concello da comarca da Barbanza recibiu 623 achegas públicas de máis de 55 persoas colaboradoras, moitos deles son alumnos do IES da Cachada. Porén, o número total de topónimos que figuran na plataforma Galicia Nomeada, 767, é menor dos recollidos en concellos próximos cos que comparte comarca, como Rianxo (2.387) ou Ribeira (3.458), a pesar de que o municipio boirense ten moita máis extensión territorial. Por tanto, queda moito traballo por facer, especialmente en parroquias como Bealo ou Macenda, que contan con menos topónimos rexistrados. 

Por este motivo, a Real Academia Galega fai un chamamento a todas as persoas interesadas en salvagardar os nomes da nosa terra a sumárense á plataforma Galicia Nomeada e a asistiren á charla do vindeiro 8 de novembro en Boiro. Nela, Vicente Feijoo Ares explicará de xeito práctico e ameno as principais funcionalidades da aplicación colaborativa, tanto na versión para navegadores web como na versión para dispositivos móbiles: como solicitar unha conta de usuario, como engadir un novo topónimo, como enviar suxestións e completar a información da toponimia existente...

Ademais da formación práctica sobre o funcionamento de Galicia Nomeada, na parte final do relatorio, Vicente Feijoo explicará a orixe e significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello de Boiro, sección que conta co apoio na investigación destas etimoloxías do académico e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza. Entre os diferentes topónimos maiores (nomes de parroquias e aldeas) existentes neste concello, cómpre salientar a abundancia de topónimos de orixe prerromana, como Bealo, Cespón ou Lampón, todos eles nomes únicos en Galicia, ademais de incógnitas toponímicas,  sobre os que Vicente Feijoo intentará ofrecer algo de luz. As persoas asistentes a esta charla no Centro Social de Boiro tamén poderán ver o vídeo da serie O Seminario de Onomástica responde en que Isabel Boullón Agrelo, académica do Seminario de Onomástica, explica a orixe e significado do nome deste concello coruñés.

Tipos