Aboi, Gafoi, Tañoi e outros topónimos galegos acabados en -oi

Se repasamos a relación de entidades de poboación que forman o concello coruñés de Frades, atopámonos con catro topónimos que comparten unha característica curiosa: a súa terminación en -oi. É o caso de Aboi e Alto de Aboi, os dous na parroquia de Céltigos; Gafoi, nome dunha das súas 12 freguesías; e Tañoi, na parroquia de Abellá. Máis alá da súa musicalidade, estes catro nomes de lugar agochan unha orixe común que nos fala tamén da forma en que os nosos antepasados organizaron o territorio.

Os principais estudos en toponimia galega coinciden en sinalar que estes topónimos con terminación en -oi do concello de Frades, xunto a outros máis de cen repartidos polo territorio galego (Beloi, Caroi, Fingoi, Godoi, Meroi, Saboi e un longo etcétera), proceden de antigos nomes de persoa, posuidores ou fundadores de explotacións agrícolas e gandeiras na época tardoantiga ou altomedieval, as antigas “villae”. O sufixo correspondería así á evolución da terminación latina -ONI ou -ONE propia do xenitivo que se utilizaba para expresar pertenza, relación ou propiedade.

Estes topónimos formábanse a través dun sintagma de dous elementos: o segundo era o que acabamos de ver, o nome de persoa en xenitivo para indicar quen era o propietario. No que respecta ao primeiro, indicaba o obxecto posuído por esa persoa, polo xeral unha VILLA, que na época medieval tiña o significado de ‘explotación gandeira ou agrícola situada fóra das cidades coas edificacións precisas’.

Así, Aboi foi en orixe unha (VILLA) AVIOLI, este último xenitivo do nome medieval AVIOLUS ou AVOLUS, un diminutivo do latín AVUS ‘avó’. O primeiro elemento do sintagma, VILLA, acabou desaparecendo co paso do tempo na maior parte destes topónimos, mais consérvase nalgún deles: un exemplo é a localidade de Vilaboi (concello de Valdoviño), que comparte orixe co Aboi de Frades.

Aboi é un topónimo ben estudado e que está presente tamén nos concellos de Tordoia, Muxía e Caldas de Reis. Non acontece o mesmo cos outros dous topónimos de Frades que motivan este artigo, Gafoi e Tañoi, os dous son únicos en Galicia. No que respecta ao primeiro, Gafoi, é un topónimo de difícil interpretación, aínda que Kremer o relacionou coa voz antiga gafo ‘leproso’. Pola súa parte, Piel e Kremer incluíron Tañoi entre os derivados do antropónimo TAN(N)O, aínda que talvez proceda do antropónimo latino TANIUS.

Aboi, Gafoi , Tañoi e outros topónimos galegos acabados en -oi son, por tanto, testemuños vivos que nos permiten reconstruír a historia dos asentamentos humanos en Frades e por toda Galicia.

Bibliografía

  • Piel, Joseph M. /Dieter Kremer (1976): Hispano-gotisches Namenbuch. Heidelberg: Carl Winter.
Tamén che pode interesar...

O concelho de Baños de Molgas é composto por apenas 43 aldeias e 14 freguesias, um número reduzido se compararmos com os quase 800…

As lavadeiras desempenharam um ofício fundamental no país até bem avançado o século XX. São icónicas…