Toponimia de Zas

Toponimia de Zas
Ano
2025
Edición
Real Academia Galega
Autoría
Xosé María Lema Suárez

Toponimia de Zas afonda nas orixes etimolóxicas de 117 lugares e máis de vinte espazos xeográficos de interese de Zas, o máis interior dos tres concellos que conforman a Terra de Soneira. Boa parte dos topónimos estudados son únicos en Galicia, algúns teñen etimoloxías discutidas (O Allo, Brandomil ou o propio Zas) e outros, orixes escuras (Beizana, Saconde, Xerne) e mesmo enigmáticas (A Andragalla).

Xosé M.ª Lema Suárez é correspondente da Real Academia Galega, membro do Seminario de Onomástica e da Asociación Galega de Onomástica (AGOn) e preside o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte. No eido da onomástica publicou, entre outros, Onomástica histórica dunha parroquia galega: Berdoias (1607-2000). 1. Os nomes masculinos (2006). No da toponimia,· “De Santa Sía a Santa Sía de Roma, un posible engadido onomástico (e non toponímico) de finais do séc. XVI” (2019) e “Topónimos con historia do camiño de Santiago a Muxía” (2022). Tamén é coautor do Dicionario dos nomes galegos (1992) e da Guía de nomes galegos (2022).

A colección Terra Nomeada da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica ten como obxectivo recompilar e estudar os nomes de lugar dos concellos de Galicia para saber cal é a súa motivación e o seu significado, o que nos fará máis conscientes da relación co noso pasado, de como se conformou a nosa sociedade, de como é a natureza en que habitamos, a súa fauna e as plantas.