A Cafúa: o topónimo que une Friol con sudamérica

A freguesía friolesa de Bra acolle no seu interior un pequeno tesouro onomástico que o proceso de despoboación do rural está a piques de facer desaparecer. Trátase da Cafúa, un nome único en todo o Nomenclátor de Galicia que comparte forma e fonética cunha palabra de uso bastante común na xerga de Buenos Aires: en lunfardo, así chamada esta fala popular, cafúa é o sinónimo de ‘cárcere’.

Aquén Atlántico, non hai rastro da palabra cafúa nos dicionarios actuais; porén, si a atopamos na nosa tradición lexicográfica. Así, no primeiro dicionario da Real Academia Galega de comezos do século XX, aparece a voz cafúa definida como un ‘refuxio situado no monte, construído con terróns e cuberta de palla’. Na nosa literatura de finais do século XIX e comezos XX, cafúa aparece nalgunhas composicións literarias con este significado de ‘cabana’ ou ‘choza’..., mais tamén se recolle facendo referencia ao cárcere. Na obra Galegos no golfo de México, Neira Vilas emprégaa con este significado cando comenta que uns membros dun sindicato foron acosados incorrectamente e como consecuencia “tivéronnos un mes en cafúa”. É posible que a estadía do autor de Memorias dun neno labrego en Buenos Aires, entre 1950 e 1961, influíse neste uso singular da palabra cafúa.

Canto á orixe do topónimo A Cafúa, Nicandro Ares cre que poida proceder da forma latina CAVEOLA, diminutivo de CAVEA, que, curiosamente, tamén deixou no galego a forma gaiola, unha das formas populares para nos referirnos ao cárcere. Porén, Carolina Pérez Capelo, na obra Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá, rexeita este étimo dada a distribución xeográfica das terminacións procedentes de -OLA. Parece complicado -explica- admitir como válida esta etimoloxía, pois este “Cafúa localízase no occidente da provincia de Lugo, lonxe, polo tanto, da área delimitada para a terminación -úa, procedente de -ŏla (oriente de Lugo e occidente de Asturias)”.

Nicandro Ares proporciona unha posible segunda orixe: variante de cafuga, que tamén recolle o primeiro dicionario da RAG co significado de ‘caseta pequena feita fóra dun lugar’ pero que adscribe xeograficamente a Ribadavia. O significado, ademais, non se corresponde coa localización da Cafúa, situada bastante afastada da capital parroquial.

En definitiva, mentres non teñamos máis datos históricos, non poderemos confirmar esta relación do topónimo Cafúa coa procedencia e significado da palabra arxentina, mais aí queda a nosa hipótese.

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…