Perdecanai, nome dunha freguesía do concello pontevedrés de Barro, atopámolo escrito coa forma actual xa no século XV: nun testamento do ano 1432, aparece mencionado Rui Peres que pola altura era “clerigo de Santa Maria de Perdecanay”. Agora ben, anteriormente figura na documentación medieval con dúas formas diferentes. Así, no ano 1239 Arias Fernades doa ao Mosteiro de Armenteira o padroado de diferentes igrexas e facendas, entre elas as da freguesía de “Pera de Canay”. Unhas décadas despois, no ano 1308 aparece como testemuña dun documento unha persoa chamada “Laurencius Petri de Parada Canay”. Temos, por tanto, dous antecedentes da forma actual e unha dúbida por resolver: cal dous estaría na orixe do topónimo Parada de Canay ou Pera de Canay?
A forma toponímica Pera está presente noutros topónimos como Peralba en Pontevedra ou Cortegada, Peralbar en Carnota ou Peracova, en Rois. Interprétase como unha variante arcaica do galego común pedra (latín PETRAM). Agora ben, a existencia dunha aldea chamada Parada nesta mesma parroquia a menos dun quilómetro do lugar de Canai lévanos a pensar que o nome da freguesía inclúe as denominacións destas dúas localidades, Parada e Canai. Por tanto, o topónimo definiría un núcleo habitado situado ao pé ou nas proximidades dunha vía de comunicación onde se facía un alto no camiño, isto é, unha “parada” (lat. PARATA) ou onde había unha pousada para descansar. Se temos en conta que moi preto destas dúas aldeas pasa o Camiño Portugués a Santiago, o cal puido ter diversas variantes, cobra sentido a teoría dunha motivación propiciada pola existencia dunha parada ou pousada neste camiño ou preto del.
Canto ao segundo elemento deste composto, Canai, probablemente deriva dun nome persoal KANNA, de orixe incerta, que rexistramos en documentos do mosteiro de Celanova en diferentes épocas: por exemplo, unha “Kanna Auria filia de Ydil”. A forma Canai actual evolucionaría a través dun sintagma co nome de persoa en xenitivo, que indicaría a pertenza dunhas terras ou dunha villa medieval á mesma persoa, isto é, unha (VILLA) KANNANI.
Por tanto, é moi probable que o topónimo Perdecanai responda á existencia en orixe dunha parada viaria próxima a Canai no canto dunha dunha pedra ou “pera” que destacase por algún motivo.
Nesta mesma sección temos analizado en reiteradas ocasións a relación que manteñen algúns topónimos galegos con éxonimos ou nomes de…
Desde o fin da Idade Media, a toponimia galega sufriu un proceso de castelanización tan intenso nalgúns nomes que implicou, na escrita e…