Os topónimos que coinciden con palabras do léxico común ou que están incluídas nos dicionarios xerais adoitan ter unha explicación ben doada. Por exemplo, se damos cunha aldea que se chama O Castro, axiña botaremos unha ollada ao seu redor para localizarmos nas súas proximidades os restos dun poboado da Idade do Ferro. Agora ben, cómpre andarmos con tino porque esta máxima non sempre se cumpre. Unha boa mostra disto é o topónimo Lucenza, do que existen case tantas hipóteses etimolóxicas como lugares así denominados no noso país.
A Lucenza, con artigo ou sen el, atopámolo como nome dunha aldea do concello de Chantada e dunha parroquia e lugar do concello ourensán de Cualedro. Unha posible variante, A Lucencia, localízase no municipio lucense de Monterroso e outra, Locencia, figura como entidade de poboación dos concellos de Guitiriz e Vilalba. Ademais, en Galicia Nomeada podemos rexistrar este topónimo, coas formas Lucenza, Lucencia ou Locencia, identificando terras nas catro provincias galegas, especialmente na de Ourense.
Tras buscarmos este termo no Dicionario da Real Academia Galega, sabemos que lucenza é un sinónimo de ‘claridade’, polo que poderiamos concluír rapidamente que todos estes lugares chamaron a atención das persoas que lles puxeron nome por seren luminosos e solleiros ou tamén por teren un terreo “brillante ou calizo” en comparación coas terras situadas nos seus arredores, posibilidade que tamén engade como hipótese o estudoso da nosa toponimia Nicandro Ares.
Agora ben, os diferentes investigadores que se achegaron ao topónimo non quedaron totalmente convencidos con esta relación co termo do léxico común e propuxeron outras interpretacións etimolóxicas. O propio Nicandro Ares deixou aberta a posibilidade de estarmos ante un antropotopónimo, ao relacionalo co nome persoal latino LUCENTIUS e cun sintagma que indicaría a pertenza das súas terras, (VILLA) LUCENTIA. Está hipótese, porén, choca coa propia gramática latina, pois o xenitivo deste nome persoal é LUCENTII do que dificilmente podería derivar o Lucenza actual.
Pola súa banda, Elixio Rivas e Cabeza Quiles coinciden en afirmar que estes topónimos fan referencia a nacedoiros de auga tras contrastar que nestes lugares existen mananciais onde abrollan augas subterráneas. Porén, discrepan no étimo orixinario: mentres Elixio Rivas propón a forma NASCENTIA ‘o que nace’, derivado do verbo NASCERE ‘nacer’, Cabeza Quiles propón un étimo LUCENTIA, derivado do termo latino LUX ‘luz’. Este último basea a súa tese en diferentes documentos medievais onde concorre o substantivo luzenza co significado de ‘fonte’ ou ‘nacedoiro de auga’.
Unha última teoría achégaa o académico numerario do Seminario de Onomástica Gonzalo Navaza, para quen Lucenza pode conter a raíz indoeuropea *LEU- ‘lavar’, a mesma que dá en latín o verbo LAVARE e que está presente en hidrónimos galegos como Lavandeira, estudado recentemente nesta páxina.
Sexa cal for a orixe, queda claro, nunca mellor dito, que o topónimo A Lucenza / Lucenza / Lucencia ou Locencia é un deses casos en que a riqueza de hipóteses etimolóxicas nos amosa a complexidade para coñecermos a orixe da toponimia galega.
Noutros artigos da sección Detrás do nome temos insistido na…
Os avances que viviu a investigación toponímica nas últimas décadas son indubidables: o desenvolvemento dos métodos científicos, o…