Un topónimo único con moita historia, Moces

Noutros artigos da sección Detrás do nome temos insistido na importancia das atestacións antigas para achegármonos ao significado orixinario dos topónimos. Esta premisa convértese en esencial cando estamos diante de nomes de lugar únicos e aparentemente opacos, como Moces, aldea da parroquia de Quins do concello ourensán de Melón.

A chave para resolvermos estes enigmas toponímicos adoita estar nas ocorrencias que atopamos dos topónimos nas fontes medievais. Así, na documentación do mosteiro de Melón analizada por Cambón Súarez e incluída no Corpus Documentale Latinum Gallaeciae, damos con dúas atestacións moi relevantes para o caso que estamos estudando: en 1228-1229 menciónase como “Moozis”; e tres décadas despois, en 1254, aparece como “Moozes”.

A importancia destas atestacións reside nese dobre -o- que máis adiante se simplificaría no Moces actual. Este encontro vocálico debeu producirse nun primeiro estadio como consecuencia da propia evolución da lingua e posiblemente se orixinaría pola desaparición dunha consoante en posición intervocálica que, segundo Gonzalo Navaza, debeu ser un -N-. O académico e investigador apunta cara a unha forma orixinaria MONACHIS , ablativo plural de MONACHUS ‘monxe’, e pon en relevo a atestación de 1228 onde se menciona o “visum de Moozis”, un lugar que debía actuar como miradoiro ou viso dos monxes do mosteiro desde o que divisaban o seu propio territorio. 

A situación do aldea chamada Moces, no alto dunha ladeira que descende suavemente durante 5 quilómetros ata o río Miño, pode servir como argumento para corroborar a hipótese de Gonzalo Navaza.
 

Tamén che pode interesar...

Nós non temos dúbida, en calquera punto de Galicia vívese moi ben... pero hai algúns lugares onde se vive mellor porque xa nolo din os…

A próxima versión do Nomenclátor de Galicia estará composta por case 43.000 topónimos oficial sumando os nomes de concellos,…