Caldas de Reis, o topónimo que nos conecta co noso pasado romano e medieval

Son innúmeras as ocasións en que nesta páxina aludimos á importancia que ten a toponimia para descubrir a historia do territorio que habitamos. Os nomes de lugar dannos datos moi importantes para descifrarmos episodios concretos dos nos separan moitos séculos ou incluso milenios. O topónimo Caldas de Reis é un destes nomes que serve para deitar luz sobre o pasado romano e medieval de Galicia.

O primeiro elemento deste nome de lugar, Caldas, procede do latín (AQUAS) CALIDAS ‘augas quentes’, un sintagma que se empregaba na antigüidade para nomear mananciais termais como o que abrolla na Fonte das Burgas caldense e do que se nutren tamén os afamados balnearios locais. Grazas a este topónimo actual, Caldas, e ao seu étimo, (AQUAS) CALIDAS, puido identificarse un punto estratéxico da Vía XIX, a importante calzada que na época romana servía para vertebrar o territorio da Gallaecia e comunicalo co resto do Imperio. Existe un amplo consenso na historiografía en relacionar Caldas de Reis coa mansio -isto é, un lugar de descanso ou de parada no camiño- que Ptolomeo inclúe na súa Xeografía co nome de Aquae Celenae  e que tamén figura no Itinerario de Antonino (423, 8 - 430, 3) como Aquis Celenis. Estas “aquas” estaban no territorio dos Celenos, una tribo galaica que Plinio, na súa Naturalis Historia (IV, 111 e 112), sitúa ao norte do Convento Bracarense e dentro do Convento Lucense, entre os ríos Lérez e Tambre.

Se Caldas nos fala da historia da Gallaecia romana, o apelativo do topónimo conéctanos co noso esplendor medieval. Calquera leigo en onomástica pode identificar Reis coa palabra do galego común rei. Porén, que non nos leve a engano a súa terminación: aínda que puidese parecer que fai referencia a varios monarcas (REGES en latín), en realidade provén da forma en nominativo, REX, que no paso ao galego deu a palabra reis, de forma análoga co que sucede co numeral latino SEX que deu seis. Por tanto, o topónimo infórmanos da importancia que tivo este lugar pontevedrés na vida dun rei, e non un calquera, pois aquí naceu Afonso Reimúndez, quen sería Afonso VII de Galicia desde que foi coroado polo arcebispo Xelmírez no ano 1111. 

Descoñecemos cando se lle engadiu o apelativo ao topónimo mais debeu ser antes do século XIII: a primeira referencia documental ao nome remóntase ao ano 1214, cando aparece como Caldas de Rex.

Como podedes ver, Caldas de Reis é un topónimo con moita historia.
 

Tamén che pode interesar...

Noutros artigos da sección Detrás do nome temos insistido na…

Os topónimos que coinciden con palabras do léxico común ou que están incluídas nos dicionarios xerais adoitan ter unha explicación ben…