“Castellanos de Castilla, tratade ben ós galegos; cando van, van como rosas; cando vén, vén como negros”. Esta copla popular de finais do século XIX forma parte tamén dun dos poemas máis coñecidos de Rosalía de Castro. Incluído na obra fundacional da nosa literatura moderna, Cantares Gallegos, nel a autora intenta denunciar, a través do canto desesperado dunha muller que perde ao seu home, o tratamento que sofren os seus coetáneos cando acoden a traballar a Castela.
Estas migracións de habitantes galegos cara ao territorio veciño, especialmente en época de sega, foron moi comúns nos denominados na nosa historiografía como Séculos Escuros. Ao se trataren de desprazamentos de poboación esporádicos e temporais para un fin determinado, non deixarían pegada na toponimia española como si, en cambio, fixeron outros movementos que aconteceron con anterioridade, na Idade Media, que tiñan como fin de repoboar amplos territorios baleiros: Gallegos del Río ou Gallegos del Pan e Gallegos del Campo en Zamora, ou Gallegos de Argañán, San Felices de los Gallegos e Gallegos de Solmirón, en Salamanca. Todos eles son etnotopónimos, isto é, nomes que fan referencia á procedencia dos seus primeiros poboadores, neste caso galegos.
Tendo en conta o exposto, sería lóxico pensar que a parroquia de Casteláns do concello de Covelo, así como os Castelaus de Vilar de Santos ou de Calvos de Randín respondan ao movemento migratorio inverso: casteláns procedentes de Castela que, por algún proceso de presión poboacional, se desprazaron de Castela a Galicia.
Mais, foi isto así? Segundo expón Cabeza Quiles na obra Toponimia de Galicia, os primeiros habitantes da parroquia de lugar de Casteláns do Concello de Covelo non procedían dunha Castela transgalega, isto é, de Castela e León ou de Castela – A Mancha, senón dunha outra Castela dentro dos nosos lindes xeográficos. Tratábase do arcediagado de Castela, nome este desaparecido na actualidade que, segundo o Padre Sarmiento, servía para designar un territorio que abranguía arredor de 100 freguesías, entre elas as de Avión, Córcores, Abelenda, Serantes, Lebosende, Gomariz, San Clodio, Esposende, Osmo, Maside, Cea, Barbantes, Laias, Castrelo e Partovia.
Por tanto, os primeiros habitantes de Casteláns eran habitantes de Castela, pero non da Castela á que se refería Rosalía de Castro na copla que empregamos para iniciar a presente entrada.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…