As lavandeiras desempeñaban un oficio fundamental no país ata ben entrado o século XX. Son icónicas as fotografías destas mulleres situadas nas marxes dos cursos fluviais ou nos lavadoiros próximos ás vilas e ás cidades, dobradas sobre a pedra ou nas ribeiras lavado a roupa propia ou doutras familias por encarga. Unha actividade dura, abofé, pero tamén un espazo de socialización: mentres lavaban, as mulleres falaban e, como non, tamén cantaban e, por tanto, foron transmisoras dunha parte da nosa literatura popular que neste 2025 se festexou por todo o alto no Día das letras galegas.
Símbolo do esforzo e de traballo feminino, a figura das lavandeiras é lembrada por todo o territorio galego. E como non podía ser doutro xeito, tamén a súa actividade deixou pegada toponímica: nomes como o Río das Lavandeiras ou Lavadoiro das Lavandeiras... indícannos claramente o lugar onde exercían o seu oficio esteas mulleres. Mais responden a esta mesma orixe todos os lugares chamados A Lavandeira no noso país? A resposta, como veremos a continuación, non é tan sinxela.
O topónimo Lavandeira, que está presente, con artigo e singular, no concello ourensán de Sandiás e de forma diversa noutras 39 entidades de poboación galegas, foi obxecto de interpretacións etimolóxicas diversas por parte de varios especialistas na materia. Así, Joseph Piel considerouna como un topónimo derivado directamente da acción de lavar, hipótese que tamén encaixa co significado máis intuitivo que pode suxerir este topónimo e que mencionamos ao comezo deste artigo.
Pola súa parte, Elixio Rivas Quintas apunta cara a outra orixe: na súa obra sobre a Toponimia de Marín, inclúe A Lavandeira, nome duns predios na parroquia de Macenlle regados polo rego da Lavandeira, como un hidrónimo derivado dunha raíz prerromana *n - b ‘auga’. Asegura que desta raíz proceden, entre outras, a palabra do castelán nava ‘lugar plano entre montes’ e outros topónimos galegos como Navallo, Navalliño... Segundo a hipótese de Rivas Quintas, o topónimo Lavandeira sería na orixe un *Navandeira que mudou no actual por similitude co verbo do galego común lavar.
Gonzalo Navaza non descarta esta hipótese, pero considera que Lavandeira é “hidrónimo que adoita designar lugares onde un curso de auga desborda doadamente do seu cauce e anega as inmediacións”. Para este autor, a súa etimoloxía “probablemente garda relación co verbo de orixe latina LAVARE, co substantivo prerromano nava ou con ambos”.
Con estas interpretacións sobre a mesa, todo parece indicar que o topónimo Lavandeira de Sandiás fai referencia a un lugar anegado en determinadas épocas do ano por unha corrente de auga ou, como confirmaron os veciños asistentes á charla Toponimízate, pola propia lagoa de Antela, que cambiaba de forma ao longo do ano segundo a cantidade de auga que contivese.
--
Bibliografía
Navaza, Gonzalo (2007): Toponimia de Catoira. Catoira: Concello
Piel, Joseph M. 1945. “As Águas na Toponímia Galego-Portuguesa”. Boletim de Filologia VIII, 305-342
Rivas Quintas, E. (1982): Toponimia de Marín. Santiago de Compostela: Universidade
O río Asma marca en boa medida a identidade e a paisaxe de Chantada, pois cruza o territorio deste concello de leste a…
Son innúmeras as ocasións en que nesta páxina aludimos á importancia que ten a toponimia para descubrir a historia do territorio que…