Tras a igrexa de Santa María da Fonsagrada existe unha fonte que, segundo a tradición popular, deu orixe ao nome do concello. A “fonte sagrada” é, sen dúbida, unha das visitas obrigadas na Fonsagrada, mais tamén podes achegarte a outros cinco “concellos” da provincia sen saíres do seu territorio: Cospeito, Riotorto, Pastoriza, Burela e Vilalba, ademais de municipios lucenses, son o nome de 5 das súas poboacións.
Cospeito é un lugar da freguesía de Santo André de Logares, alén de dar nome ao coñecido concello da Terra Chá. Diversos autores apuntaron ao participio do verbo latino CONSPICTI. ‘visible, vista, mirador’, isto é, CONSPECTUS, como étimo orixinario deste topónimo. Indicaría un lugar situado nunha elevación que servía como atalaia onde divisar o contorno. Altamira, O Viso ou O Catadoiro son topónimos cos que está emparentado semanticamente.
Os diferentes Riotorto que existen en Galicia, un deles na freguesía fonsagradina de San Pedro de Neiro así como o concello lucense da comarca de Meira, fan referencia á existencia dun río sinuoso, con varios meandros que caracterizan o seu curso, do latín RIVUS TORTUS. O Riotorto fonsagradino pode deberse quer ao rego do Pito quer ao rego de San Pedro de Neiro, situados os dous nas proximidades do lugar. Tanto un como o outro trazan diferentes ángulos na xeografía da parroquia.
Pola súa banda, Pastoriza, lugar da parroquia de Bruicedo, comparte denominación con 15 aldeas, dúas parroquias e un concello. O topónimo provén de PASTORICIAM, ‘pasteiro’ adxectivo derivado de PASTUS, participio do verbo PACER. O sufixo tamén está incluído noutros topónimos galegos como Vacariza ou Alvariza.
Canto á Burela, nome dunha aldea de Carballido e do concello da Mariña -este sen artigo-, foi un topónimo que acaparou a atención de diferentes filólogos. Bascuas interpretouno como derivado co diminutivo -ELLA dunha foma *bura ‘fervenza’, que á súa vez procedería dunha raíz indoeuropea *bher- 'ferver', moi frecuente na hidronimia. Nun vídeo da serie O Seminario de Onomástica Responde sobre o topónimo Boiro, Ana Boullón ofreceu dúas hipóteses: un diminutivo de BORA, outro hidrónimo co significado de ‘lameira’, ‘auga estancada’ ou ‘poza’; ou talvez podería estar relacionado coa étimo xermánico BURA ‘casa’, do que tamén derivaría Burón, nome documentado na aldea e parroquia fonsagradina da Pobra de Burón.
Neste percurso pola xeografía lucense sen saírmos da Fonsagrada queda por explicarmos un último topónimo. Vilalba trátase dun nome composto: Vila, o primeiro dos elementos, é de orixe latina, VILLAM, e significaba ‘explotación agropecuaria’, hoxe ampliado a ‘lugar habitado’ ou ‘poboación’. O segundo dos compoñentes, ALBA, é, porén, máis discutido: podería ser un derivado do adxectivo latino ALBUS, ‘branco, brilante’ ou talvez o cognomen ou apelido da persoa propietaria da villae medieval, ALBUS, moi frecuente na antigüidade.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…