Habería moitos lobos en Lobás? 

“A explicación máis sinxela adoita ser a máis probable”; esta é unha máxima que leva aplicándose en todos os ámbitos do coñecemento desde que foi formulada no século XIV por Guillerme de Ockham. Na onomástica, como non podía ser doutro xeito, é frecuente aplicala para procurarmos a orixe dos nomes de lugar. Os etimoloxistas emprégana especialmente naqueles topónimos que son coincidentes con palabras do uso común: así, por exemplo, se unha localidade se denomina Souto, o lóxico é imaxinarmos a existencia dunha fraga de castiñeiros nos albores do lugar, aínda que na actualidade non quede ningunha destas árbores na contorna. Tamén é costume empregar este principio de sinxeleza cando existe proximidade fonética entre un topónimo e unha ou máis palabras. Lobás é un bo exemplo disto último.  

Lobás é o nome dunha parroquia do concello ourensán do Carballiño. Non é un topónimo único, pois en Calvos de Randín, tamén na propia provincia de Ourense, existe outra freguesía denominada Lobás,  que conta no seu termo cunha aldea homónima. Na provincia de Lugo, en Vilalba, tamén atopamos Os Lobás como nome dunha aldea nunha parroquia que goza de moita sona polos seus queixos, San Simón da Costa.  

O topónimo foi relacionado co substantivo do galego común “lobo” dada a similitude fonética entre as dúas palabras. Así, Frutos Fernández na súa obra Toponimia do Carballiño propuxo incluílo entre os zootopónimos, isto é, os nomes de lugar cuxa orixe está vinculada dalgún xeito cun animal. Segundo a súa formulación, o étimo *LUPALES do que procedería estaría formado a partir do latín LUPU 'lobo' e mais o sufixo –ale, que indica abundancia. Daquela, o seu significado orixinario sería ‘lugar onde hai moitos lobos’. A existencia no lugar dunha devesa real serviría para apoiar a hipótese, segundo o propio autor. 

Porén, os testemuños máis antigos deste topónimo fannos dubidar desta orixe: nun documento de 1227 do Mosteiro de San Salvador de Chouzán cítase o lugar de “Lobanes”; e noutros documentos do Mosteiro de Oseira menciónase a “ecclesie sancte Michaelis de Lobaens” (1238) ou ao seu capelán, “Odoarius Suerii capellanus de Lobanes” (1242). Esa terminación, -anes ou -aens, lévanos a pensar nun étimo rematado en latín -ANES e non en -ALES. 

Tendo en conta o anterior, o propio Frutos Fernández propuxo como alternativa o antropónimo non documentado *LUPANIS, derivado do nome Lupus, do que proceden o nome de persoa Lope e o apelido López. A pesar de adaptarse ás solucións antigas do topónimo, Paulo Martínez Lema non incluíu Lobás no seu traballo “Achegamento á antropotoponimia do concello de Vilalba". 

Estas dúas explicacións baseadas no principio de Ockhan semellan non seren totalmente satisfactorias, polo que cómpre botar man dunha terceira: Frutos Fernández indica que é probable que sexa un antropónimo xermánico derivado de Leuva, a partir dunha palabra *leuva 'querido', e mais o sufixo -anis. Esta formación, *Leuvanis, podería estar detrás doutros topónimos tamén lucenses como Lobián ou Lobán

Non seremos nós quen rebatamos ao freire Guillerme, pero en toponimia (e noutros ámbitos) non sempre “a explicación máis sinxela adoita ser a máis probable”. 

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…