Cando falamos de Cangas, axiña lembramos a vila mariñeira do Morrazo, capital da comarca e referente das costas turísticas do sur do país. Mais Cangas non é un nome único, pois tamén fai referencia a outras entidades de poboación galegas que atopamos nos concellos de Bergondo, Lalín, Pantón ou Viveiro; tamén denomina realidades moi afastadas, como terras e accidentes costeiros; e ademais non só pertence ao noso espazo lingüístico: a veciña Asturies tamén comparte esta particularidade toponímica.
A suma destas circunstancias explica, en parte, a falta de unanimidade á hora de atoparmos a orixe do topónimo. Menéndez Pidal defendeu a procedencia dunha base léxica latina CANNICAM, derivada do latín CANNAM, “cana” cun significado metafórico, “garganta” ou “val”, que podería servir para explicar algunhas realidades que atopamos detrás do topónimo, mais non todas, como As Cangas que existen como accidente costeiro en Valdoviño.
Por iso, outros autores parten dun étimo celta, CAMBICA, derivado de CAMBOS, “curvo” que, por extensión, faría referencia a vales profundos e/ou curvas de ríos. Á cabeza desta hipótese está Fernando Cabeza Quiles, quen diferenciaría dúas cangas: se a localidade está preto da costa, referirase a unha curva mariña ou entrante do mar; porén, se lle dá nome a unha localidade de interior, aludirá a curvas fluviais.
Segundo esta hipótese, por tanto, habería dúas cangas diferenciadas, unha de mar e outra de terra.
Detrás dalgúns topónimos hai historias que nos falan das crenzas relixiosas ou pagás dos nosos antepasados, historias que chegaron ata…
A vida nunha illa transcorre paralela aos feitos que afectan ao resto do mundo, pero coas súas propias singularidades. Isto fai que os…