Hai topónimos que teñen unha data de creación e un pasado glorioso: o 4 de agosto de 1385 tivo lugar un importante combate preto da localidade portuguesa de Aljubarrota, entre as tropas de João I de Portugal e Xoán I de Castela que supuxo a consolidación da dinastía de Avis en teras lusas. Como consecuencia da vitoria, João I mandou construír no campo da batalla o Mosteiro de Santa Maria da Vitória, para agradecer o auxílio divino, e a vila que medraría ao seu redor recibiría nome que aínda hoxe conserva, Batalha.
Aquén Miño, no concello pontevedrés da Estrada, rexistramos o topónimo A Batalla nas proximidades dun amplo espazo que se coñece como O Campo da Batalla. A tradición oral da parroquia de Lagartóns relata que neste lugar tivo unha contenda entre estradenses e franceses na guerra contra estes últimos a comezos do século XIX que acabou por denominar, como aconteceu co Batalha portugués, o lugar. Mais foi así?
Fernando Cabeza Quiles, na súa Toponimia da Estrada pensa que A Batalla ten unha orixe menos bélica e máis húmida: para el, os topónimos Batalla poderían estar relacionado, “a maioría das veces, co verbo bater (< latín medieval battere < clásico battuere ‘golpear, bater’), ou cunha raíz hidronímica prerromana.
Para o autor, o lugar da Batalla da Estrada respondería a esta orixe e non á lendaria por dous motivos: o primeiro, porque “antano foi un lugar encharcado, segundo recordan os máis vellos do lugar”; e o segundo, a documental: o topónimo A Batalla xa está rexistrado nunha escritura de venda de Gregorio dos Barráns, veciño de Santo Estevo de Lagartóns, a Juan de Mondragón, canónigo de Santiago, do lugar e casal da Batalla con data de 1529, conservado no Arquivo Histórico da USC, como se pode ver na imaxe que encabeza este artigo.
Batalla ou Campo da Batalla hai outros en Galicia, como un O Campo da Batalla en Porto do Son. Cales serían as súas orixes, as bélicas ou as húmidas?
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…