Tanxugueiras: o noso topónimo máis internacional

O día que Olaia, Aida e Sabela lle pediron a un amigo seu un nome para o proxecto musical que estaban a iniciar, seguramente non imaxinaron que a súa proposta acabaría en boca de todo o mundo... e ata sería palabra do ano! Ese nome non é outro que Tanxugueiras. Elas tres están a abrir coa súa formación novos vieiros para a nosa música tradicional, ademais de ser elixida polas e polos internautas Palabra de 2021 no concurso que promove o Portal das Palabras da Real Academia Galega e da Fundación Barrié.

Boa falta facía deixar de lado a pandemia -gromo, resiliencia e vacinódromo foron outras tres propostas finalistas- aínda que só fose por un intre e apostar por unha palabra con tanta “sonoridade” como Tanxugueiras. Mais se buscas no dicionario da RAG non vas atopar a forma “tanxugueira” pois non é unha palabra do léxico común. Trátase dun topónimo galego, máis en concreto, a denominación dunhas terras da aldea de Fumaces, no concello ourensán do Riós. Como explicaron elas nunha entrevista hai case 5 anos, cando as Tanxugueiras comezaban a abrirse camiño no mundo da música tradicional:

“Ningún (dos nomes para o grupo) nos convencía. Pedímoslle axuda a un amigo en común de Fumaces, no concello de Riós, onde hai unhas fincas que se chaman As Tanxugueiras. Propúxonos ese nome para o grupo e encantounos” 

Ademais destas terras da parroquia de Fumaces, no concello do Riós (Ourense), existen outros lugares homónimos en Viana do Bolo, Dodro e Catoira. Neste concello pontevedrés rexístranse ademais As Tanxugueiras Grandes, As Tanxugueiras Pequenas, As Tanxugueiras da Eira e mais As Tanxugueiras da Chan

Segundo o académico Gonzalo Navaza na súa obra Toponimia de Catoira, estas formas son alteración dun orixinario Teixugueira. Este zootopónimo común en Galicia sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porcos teixos, un tipo de mamífero da familia dos mustélidos de pelo longo e espeso, agrisado no lombo, negro nas patas e no ventre, e abrancazado con dúas listas negras que van desde o fociño ata detrás das orellas. Esta voz popular, teixugo, remite probablemente ao latín TAXO, TAXONIS, aínda que podería vir tamén dunha suposta forma xermánica *thahsus ou do gótico *thahsuks.

Parabéns a estas tres mozas pola escolla dun topónimo para representar o seu grupo, a súa forma de entender a música e polo que representan para a nosa lingua, para a nosa cultura e para o noso país. 

 
Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…