Informe sobre o cambio do nome da parroquia de Moscoxo (San Paio) do concello de Pazos de Borbén

O Seminario de Onomástica da Real Academia ditaminou cambiar a denominación oficial da parroquia de Moscoso (San Paio), situada no concello pontevedrés de Pazos de Borbén, que pasou a denominarse Moscoxo (San Paio) no Nomenclátor 2026. Fíxoo logo dun informe iniciado de oficio tras detectar diverxencias en fontes orais e escritas coa forma vixente desde o Nomenclátor 2003, Moscoso.

Na práctica totalidade de nomenclátores de entidades de poboación, a freguesía figura como Moscoso. Con todo, no Diccionario nomenclator de las ciudades, villas, aldeas, caseríos, cotos, ventas, castillos, prioratos de todo el Reyno [sic] de Galicia de José Villarroel (1810) a parroquia atéstase como Moscojo.

Nomenclátor 1819

Diccionario nomenclator de las ciudades, villas, aldeas, caserías, cotos, ventas, castillos, prioratos de todo el Reyno [sic] de Galicia

Son poucas as atestacións de Moscoso e ningunha de Moscojo como topónimo na documentación medieval dispoñible. Os que podemos localizar polo contexto refírense ao lugar de Moscoso, na parroquia de Rodeiro do actual concello de Oza Cesuras: por exemplo, “in honore de Aranga, subtus monte de Moscoso” (1148).  Atestamos no CODOLGA unha forma Muscosio nun documento do século X (ano 950) que, malia non termos seguro que se refira ao lugar de Pazos de Borbén pola súa procedencia documental, confirma a existencia altomedieval dunha variante desa palabra coa sibilante palatalizada da que é posible a solución Moscoxo actual.

Como apelidos, Moscoso e Moscojo están atestados en cadeas onomásticas desde o século XIII. Menos abundante que Moscoso, Moscojo aparece como apelido de tres persoas que, pola altura, comezos do século XV, vivían no concello de Pontevedra, municipio próximo a Pazos de Borbén:

  • “nosa viña que disen dos pesegeyros, que foy de Duran do Moscojo, a qual congostra sal aa congostra et camiño publico que vay da dita villa de Pontevedra para a Ponte a Sanpayo” (1434)
  • “Juan Garçia de Moscojo, pintor, vesiños da dita villa de Pontevedra e outros” (1437)

Nos textos dos séculos XVI e XVII tamén se rexistran escasas atestacións do topónimo Moscoso / Moscojo. Nun rexistro de escrituras do ano 1539 cítase o dote de Juan de Beiras, veciño do “lugar de Moscojo”, mais o contexto non aclara se se trata do lugar do actual concello de Pazos de Borbén.

1539

Rexistro de escrituras do ano 1539. Fol. 640r

Entre os testemuños do século XVIII cómpre salientarmos pola súa importancia documental no que se refire á toponimia o Catastro de Ensenada e as súas comprobacións posteriores, un minucioso censo realizado a mediados do século XVIII por orde do marqués de la Ensenada co fin de acometer unha reforma fiscal na coroa de Castela. No expediente de comprobacións desta freguesía cítase sempre como Moscojo ou Moscoxo e non como Moscoso:

Ensenada

Comprobacións do Real de Eclesiásticos da parroquia de Moscoxo

Cómpre destacar a resposta á primeira pregunta do Interrogatorio do Catastro, onde se cuestiona sobre o nome da parroquia:  “d(ic)ha f(elig)r(esí)a se dice y nomina de San Pelajio de Moscojo de tiempo ymemorial":

Inmemorial

Respostas xerais do Catastro do Marqués de Ensenada da freguesía de Moscoxo

O Padre Sarmiento, quen visitou esta parroquia en 1754, segundo consta na súa obra Viaxe a Galicia, menciónaa como Moscoxo

"Desdè (sic) Amoedo asta Ponteàreas, todo es un ancho valle muy ameno; Y entre la Cordillera del Galleyro, y del Reconco, y por medio del rio te de Pontareas que es el Tea, y en el qual fluyen de los Lados muchos arroyuelos. El valle va de Norte à Sur. Siguiendo el valle desde Padrons se va à Pazos, á Moscoxo, al Porto de Oitabèn en el rio Anzeu, y à Ponte Caldelas. Y creo, que <104> este es el Camino de los Romanos, y que Padrons (pues aIli se hallò una Lapida con Letras) es la Burbida del Itinerario de Antonino".

A partir do século XIX resulta máis frecuente o uso da forma Moscoso para a denominación da parroquia nos textos escritos, aínda que tamén se segue a rexistrar o topónimo castelanizado Moscojo en documentos oficiais: como proba, o texto Dirección general de Cartas en forma de diccionario para escribir a todas las ciudades, villas, aldeas (...) de Bernardo Espinalt y Garcia.

Dirección general de cartas

Dirección general de Cartas en forma de diccionario para escribir a todas las ciudades, villas, aldeas

A fixación do topónimo nos nomenclátores de poboación, como vimos ao comezo deste informe, puido contribuír á difusión da formas con -S- entre a poboación. Con todo, existen tamén testemuños da forma Moscoxo en publicacións do século XX, especialmente na prensa:

Tamén é importante mencionar a obra Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral, publicada en 2007. Nela, os editores sinalan na páxina XLV o seguinte: “Moscoso (ou Moscoxo, como a xente di na redonda e como aparece nas cantigas 338 e 680) aparece mentado en trece cantigas”. Efectivamente, nunha cantiga rexístrase a forma Moscoxo e noutra Mescoxiño:

  • Maria Antonia mo dixo / no monte a apañar o toxo: / -Tódalas mozas de fóra / vén se casar a Moscoxo
  • Viva Toutón, viva Frades,/terra onde m'eu  criei; /viva tamén Mescoxiño / onde meu amor tomei

Para realizar o informe correspondente a este topónimo, falouse con varios veciños da parroquia e da súa contorna. Nesas entrevistas comprobamos que a forma Moscoso era habitual na maioría dos informantes de mediana idade, pero tamén escoitamos a forma Moscoxo nalgúns falantes de maior idade. 

Malia non ser determinante, xulgamos ilustrativo destes usos orais as reaccións á noticia que publicou o xornal Faro de Vigo respecto da denominación desta parroquia. Na súa páxina de Facebook, ademais doutros comentarios expresando a resistencia á mudanza, varias persoas deixaron constancia de que Moscoxo era a forma que empregaban de xeito espontáneo ou que escoitaron dos seus maiores: 

  • “Yo de pequeña siempre lo llamé Moscoxo” 
  • “Eu toda a vida oín chamarlle ós máis vellos ca min Moscoxo” 
  • “Coincido, somos dun concello veciño e sempre lle chamamos Moscoxo”
  • “Meu avó, que en paz descanse, inda que era de Padróns, dicía que de mozo tiña unha moza en Moscoxo a cal visitaba andando”
  • “Eu sempre escoitei e lle chamei Moscoxo, e son do concello de Fornelos” 
  • “A verdade é que eu son dunha aldea cercana e sempre os vellos lle ouín chamar Moscoxo”.  

Hai topónimos da mesma etimoloxía en Galicia e en Portugal, pero o que singulariza o nome desta parroquia de Pazos de Borbén é a palatalización da consoante sibilante, con paralelos en topónimos da mesma zona como é o caso de Ventoxo (Forcarei).

Á vista da documentación anterior, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega ditaminou restituír o topónimo Moscoxo para a denominación desta parroquia do concello pontevedrés de Pazos de Borbén.
 

Tamén che pode interesar...

Moitas veces reparamos nesta sección naquelas xoias toponímicas que, por seren únicas, destacan entre os máis de 42.000 topónimos que…

O Seminario de Onomástica da Real Academia ditaminou cambiar a denominación oficial da parroquia de Buxantes (…