O Seminario de Onomástica da Real Academia ditaminou cambiar a denominación oficial da parroquia de Buxantes (San Pedro) do concello coruñés de Dumbría, que pasou a denominarse Os Buxantes (San Pedro) no Nomenclátor 2026. Fíxoo logo dun informe iniciado de oficio tras detectar diverxencias en fontes documentais coa forma daquela vixente, Buxantes, sen artigo.
A parroquia está atestada cando menos desde o século XII: nun texto datado o 19 de maio de 1152 cítase como “ecclesia de Sancto Petro de Vigiante”, segundo a transcrición feita por José Ignacio Fernández de Viana y Vieites (1992), que se pode consultar no CODOLGA. As formas Vigiantes / Bigiantes e semellantes mantivéronse cando menos ata o século XVI, acompañadas de artigo: este dato podemos comprobalo no expediente da provisión de beneficios da citada freguesía que se conserva no Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela (AHUS) e que se pode consultar en Galiciana. Nestes documentos vemos a evolución do topónimo ata a forma actual, Os Buxantes, con pasos intermedios como Os Bijantes:

San pedro doss bigiantes, 1522

san pedro dos bigiantes e san pedro delos bigiantes, 1538

Documentación do beneficio da freguesía de San Pedro dos Buxantes (1510 / 1616)
A forma Os Buxantes consolidous a finais do século XVI fronte a Os Vixiantes. Así, por exemplo, é a forma que atopamos no Censo de población de las provincias y partidos de la Corona de Castilla en el siglo XVI, coñecido como Censo de Tomás González que compila os datos demográficos do ano 1591:

Censo de población de las provincias y partidos de la Corona de Castilla en el siglo XVI
A denominación da parroquia San Pedro dos Buxantes foi castelanizada en San Pedro de los Bujantes, forma amplamente documentada na documentación eclesiástica do Mosteiro de Moraime dos séculos XVI, XVII e XVIII.

Beneficio curado de S.n Pedro delos Bujantes (1655)
A partir do século XVIII comeza a aparecer a forma castelanizada sen artigo, Bujantes ou San Pedro de Bujantes. Esta é a forma que se emprega nas comprobacións do Catastro de Ensenada:

A forma sen artigo fíxase nos nomenclátores de poboación que se publicaron desde o século XIX, o que sen dúbida contribuíu a expandir e fixar esta forma entre a poboación. Porén, o uso con artigo mantívose na oralidade, aínda que se está perdendo na actualidade: na elaboración do informe sobre este topónimo mantivéronse entrevistas con veciños da contorna que confirmaban que, se ben o uso maioritario na poboación era Buxantes, sen artigo, algunha xente maior mantiña de xeito espontáneo o artigo Os Buxantes. Este uso queda reflectido no comentario que o propio concello de Dumbría fixo nunha publicación na súa páxina oficial na rede social Facebook: “Este é un cambio que na fala non nos vai supoñer moita novidade, xa que moitos dos veciños e veciñas o viñan usando desa maneira («Vou ir ós Buxantes...»)”.
O uso do artigo mantense nalgúns microtopónimos, como A Costa dos Buxantes, lugar que se cita no pé de imaxe neste artigo do xornal Quepasanacosta.gal
Por estes e outros motivos, o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega decidiu restaurar o nome desta parroquia con artigo, Os Buxantes.
FONTES DOCUMENTAIS E BIBLIOGRAFÍA
Álvarez Blanco, Rosario (coord.): Gallaeciae Monumenta Historica. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. <https://gmh.consellodacultura.gal>
Censo de población de las provincias y partidos de la Corona de Castilla en el siglo XVI. Madrid: Imprenta Real
Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia. <https://arquivo.galiciana.gal/>
Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro Informatizado da Lingua Galega (Versión 4.1). Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. <http://ilg.usc.gal/TILG/>
Pares, Portal de Archivos Españoles. <https://pares.cultura.gob.es/>
Varela Barreiro, Xavier (dir.) (2004-). Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega. Santiago de Compostela: Instituto da Lingua Galega. <http://ilg.usc.es/tmilg>
Bobadela é un topónimo netamente ourensán, pois dá nome a unha entidade de poboación do concello de Xunqueira…
As tautoloxías, ou sexa, a repetición dunha mesma idea expresada de diferentes maneiras, é un fenómeno…
