É Redondonio un derivado de Rebón?

Moitas veces reparamos nesta sección naquelas xoias toponímicas que, por seren únicas, destacan entre os máis de 42.000 topónimos que forman o novo Nomenclátor de Galicia. Unha destas alfaias é Redondonio, nome duna aldea do concello pontevedrés de Moraña pertencente á parroquia de Rebón.

Redondonio é un auténtico enigma toponímico. A simple vista, podemos caer na tentación de deixarnos levar polas súas tres primeiras sílabas e adscribilo, por tanto, aos múltiplos derivados toponímicos da voz do galego común Redondo. Agora ben, a terminación -onio resulta de difícil interpretación, xa que en galego agardariamos unha forma *Redondoño e non a solución actual.

Moitas veces podemos deitar luz sobre estes topónimos escuros recorrendo ás súas atestacións na documentación histórica. Mais dáse o feito de que para este caso son escasas e coincidentes na súa maior parte coa solución actual, como acontece no Catastro de Ensenada do século XVIII.

Catastro de Ensenada

Catastro do Marqués de Ensenada, 1752

Porén, nun protocolo notarial do século XVI que se conserva no Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela podemos ler unha variante, Rebondonio e mesmo Rebondoño, con -b- en vez do actual -d-.

Rebón Donio

En la alde a de Rebón Doño". Arquivo Histórico da Universidade de Santiago, 1548

De ser esta a forma antiga desta aldea de Moraña, o académico Gonzalo Navaza, ao que recorremos sempre que nos atopamos con topónimos tan complexos coma este, ofrécenos a súa hipótese: podería ser un sintagma composto do nome da parroquia, Rebón, a preposición de e un último elemento escuro, talvez derivado de Dónico ou Dónego (lat. < DOMINICU), que especificaría a propiedade do lugar, de señorío laico, en oposición aos outros Rebón da parroquia, Rebón de Abaixo e Rebón de Arriba, de señorío eclesiástico.
 
No que respecta ao nome da parroquia, Rebón, é máis común, pois tamén rexistramos Rebón no municipio pontevedrés de Barro e no coruñés de Irixoa. A hipótese máis estendida defende que Rebón é un hidrotopónimo, isto é, un nome derivado dun curso de auga. Procedería, xa que logo, do sintagma latino RIVUS BONUM ‘río bo’ e aplicaríase a unha corrente de auga que era considerada beneficiosa, de boa calidade ou rica para a vida e o traballo destra freguesía morañesa. Segundo Edelmiro Bascuas, compartirían étimo con Rebón o topónimo transparente Riobó e outros como Ribó, Ribón ou Reibón. Desde o punto de vista lingüístico, Bascuas defende que do orixinal RIVUS BONUM chegariamos ao Rebón actual mediante un proceso de redución fonética RIVUS > Re. 

Agora ben, cómpre manifestarmos as nosas reservas sobre hipótese etimolóxica anterior por dous factores: en primeiro lugar, a solución dialectal bon do substantivo latino BONUS non é propia do concello de Moraña nin da provincia de Pontevedra; e, en segundo lugar, a aldea de Rebón do concello coruñés de Irixoa atéstase na Idade Media como Robone que sería un hipotético caso previo a varios Robón rexistrados no Catastro da Ensenada para denominar a parroquia de Moraña. Estes Robón e Robone implicarían un étimo diferente de RIVUS BONUM, pero que descoñecemos de momento. 
 

Tamén che pode interesar...

O Seminario de Onomástica da Real Academia ditaminou cambiar a denominación oficial da parroquia de Moscoso (San Paio)…

O Seminario de Onomástica da Real Academia ditaminou cambiar a denominación oficial da parroquia de Buxantes (…