A Matanza: un topónimo enigmático de Padrón

A vila de Padrón é un dos lugares máis salientables da nosa cultura. Segundo a tradición xacobea, neste lugar da costa galega foi onde os discípulos do apóstolo Santiago amarraron, nunha ara romana que aínda hoxe se conserva, a barca de pedra que conducía o seu corpo, unha lenda que foi empregada desde antigo para explicar o propio nome do concello. 

Mais esta vila foi tamén por unha temporada o centro das nosas letras, pois nunha das aldeas da parroquia de Iria Flavia, residiu desde 1883 ata 1885 a figura a quen lle debemos o noso rexurdir literario, Rosalía de Castro, xunto co seu home, un dos membros fundadores da Real Academia Galega e o seu primeiro presidente, Manuel Murguía. O lugar en que viviu Rosalía os seus últimos anos, convertido en museo desde hai máis de medio século, chámase A Casa da Matanza.

Alén do lugar da freguesía de Iria Flavia, o Nomenclátor de Galicia recolle outros dous lugares así denominados nos concellos de Carballedo  e de Paradela. Ademais, hai case unha trintena de microtopónimos compilados en Galicia Nomeada que inclúen Matanza na súa denominación. 

A tradición oral non puido resistirse á semellanza do topónimo co substantivo do galego común, sinónimo de hecatombe ou de masacre, isto é, o ‘asasinato dun gran número de persoas’. Moitas destas Matanza toponímicas teñen asociada unha lenda popular que as relaciona cunha batalla histórica moi cruenta. O propio Manuel Murguía deixou constancia na súa obra Galicia dunha hipotética loita que mantivo Rodrigo de Moscoso, arcebispo de Santiago de Compostela, quen tivo que “pelear contra sus mismos parientes, en un lugar cercano á Padrón, llamado la Matanza”.

Noutros lugares así denominados, a tradición oral ligou o topónimo con batallas entre mouros e cristiáns. Así, no Campo da Matanza da Esperela, en Baleira, librouse unha batalla tan sanguenta en tempos do rei Afonso II que o sangue dos mortos chegou até a igrexa, tal e como contou Amor Meilán. Esta lenda traspasou a oralidade e quedou gravada en pedra, xa que a antiga casa consistorial do concello ten na súa fachada un escudo heráldico no que se pode ver un home a cabalo matando a outro, con cadáveres aos pés do animal. Outra lenda semellante é a que se conta respecto  do Campo da Matanza de Conforto, no concello da Pontenova. Neste lugar, segundo o portal Galicia Encantada, “houbo unha batalla moi grande cando botaron ós mouros de España”.

A tónica repítese noutros lugares fóra das nosas fronteiras, coma Campo de la Matanza, entre as provincias de Alacante e Murcia, que ten suscitado varias lendas sobre a súa orixe, como tamén o lugar da Matança no concello portugués de Fornos de Algodres, na Serra da Estrela.

Agora ben, estas historias son acontecementos reais que chegaron a nós a través da transmisión oral ou, en cambio, o topónimo Matanza non ten nada que ver con elas? Fernando Cabeza Quiles e Gonzalo Navaza opinan que non. O primeiro investigador propón que na orixe deste topónimo está unha raíz, talvez preindoeuropea, *m’t cun significado de ‘protuberancia orográfica’, polo que os diferentes topónimos Matanza farían referencia a lugares situados nun teso ou ‘monte de cume alongado’. O propio autor comenta que puido comprobar in situ que estes lugares estaban “sobre alturas mais ou menos grandes” rodeadas de terreos máis baixos e chans.  

Pola súa banda, o profesor e académico Gonzalo Navaza rexeita as orixes lendarias atribuídas a estes topónimos e mesmo a súa asociación con lugares onde se facía a mata ou matanza do porco, dado que algún dos microtopónimos existentes designan lugares afastados de núcleos de poboación. Por tanto, decide incluílo “con reservas” dentro dos fitotopónimos derivados da forma mata (cfr. O Mato, A Mata, Matamá...) isto é, ‘conxunto ou formación de plantas baixas, de toro curto e con pólas desde a base’. Daquela, serían lugares cuxo nome fai referencia á matogueira existente neles.
 

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…