Se escoitamos ou lemos o topónimo Meirás, é moi posible que a nosa mente evoque de xeito automático unha imaxe: As Torres de Meirás. Esta construción é un dos pazos máis singulares de todo o país non só pola súa feitura, senón pola súa historia: construído a finais do século XIX pola escritora Emilia Pardo Bazán nos terreos da súa familia, a chamada Granxa de Meirás, pasaron a mans do ditador Francisco Franco tras un proceso de aparente compravenda que, case 80 anos despois, foi declarado nulo polo xulgado de primeira instancia da Coruña. Deste xeito, o Pazo de Meirás pasou a formar parte do patrimonio do Estado o 2 de setembro de 2020 logo dun longo litixio e da reivindicación histórica dos veciños da parroquia, moitos deles herdeiros das persoas expropiadas para a ampliación dos terreos do pazo. Con anterioridade, a Xunta de Galicia xa o declarara Ben de Interese Cultural, máximo grao de protección para un inmoble deste tipo e que implica, entre outras, a súa consideración como dominio público.
Se a historia do pazo de Meirás está amplamente documentada, non o é tanto a do seu nome, Meirás, topónimo que tamén está presente como denominación dunha das parroquias do concello de Valdoviño. Deste Meirás valdoviñés son os testemuños escritos máis antigos que hoxe conservamos deste topónimo: nun documento do mosteiro de Xuvia, datado en 1171, menciónase a “ecclesia sancti Uicente de Meiranes”. Uns anos despois, nun documento do mosteiro de Sobrado de 1192, faise referencia a un “Fernandus andador de confraria de Merianes (1192)”. Xa no século XV, un "Sant Viçenço de Meiraas" amósanos a solución antiga en romance, con perda do -n- intervocálico, paso previo do actual Meirás.
Mais cal é o significado destes Meirás? Cabeza Quiles e outros autores relacionárono cunha base lingüística preindoeuropea M’R-, co significado de ‘auga, manancial’, teoría aceptada polos investigadores. Nas proximidades de onte estaba situada a antiga igrexa de San Martiño de Meirás, desaparecida na actualidade, nace aínda hoxe un pequeno curso que verte as súas augas ao rego de Fontoira, o que nos permite corroborar esta hipótese.
A pesar de que Meirás só está rexistrado como nome das dúas freguesías referidas, a base *M’R- posúe alternancia vocálica, *MAR-, *MER- e *MIR-, polo que xerou na nosa xeografía moitos outros topónimos cos que está emparendado: Meira, Meiro, Meirol ou Mera.
Meirás sería, pois, outro hidrotopónimo do concello das sete fontes: Fonte Grande, Fonte Nova, Fonterrota, Fonte Boa, Fonte da Vila, Fontán e Fontoira son as denominacións de sete aldeas de Sada. Outros nomes relacionados coa auga en Sada poden ser Mondego, nome tamén dun río en Portugal que se ten explicado como hidrónimo prerromano que fai referencia á auga; ou tamén Soñeiro, posiblemente emparentado con Sóñora, para o que Juan José Moralejo apunta unha orixe na raíz hidronímica indoeuropea *SEU- 'húmido' ou *SEU- 'dobrar, virar’.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…