Galicia foi definida como o país dos mil ríos, frase afortunada atribuída a Álvaro Cunqueiro e moi manida que se emprega para describirmos a realidade fluvial do noso territorio. Raro é o lugar que non estea próximo a un ou varios cursos de auga, pero máis estraña é a aldea de Becerreá que semella suxerir a existencia no seu contorno de “mil regos”: Regosmil.
Porén, unha ollada á cartografía desminte a aparencia do topónimo: a pequena aldea da freguesía de Fontarón ten ao oeste o rego das Pasadas e, no leste, outro curso fluvial máis pequeno que acaba vertendo no río das Rodeiras. Faltaríannos 997 regos para chegarmos aos mil que se suxiren aparentemente.
A chave que nos abre a porta á orixe do topónimo non está nas primeiras sílabas senón na súa terminación, -mil, semellante a que atopamos en moitos topónimos da nosa xeografía: Goimil, Framil, Ramil, Roimil, Recimil, Susmil, Toimil... Detrás de todos eles está un nome de posesor de orixe xermánica.
Segundo Nicandro Ares, Regosmil pode ser unha alteración popular doutro topónimo que se recolle na parroquia de Guizán de Mos, en Pontevedra: Regomil. Segundo Nicandro Ares, o étimo tanto de Regosmil como de Regomil sería o nome persoal REGUMIRUS, a través do seu xenitivo, nun sintagma semellante a (UILLA) REGIMIRI.
Son innúmeras as ocasións en que nesta páxina aludimos á importancia que ten a toponimia para descubrir a historia do territorio que…
A gran base de datos da toponimia tradicional galega, Galicia Nomeada, suma…