Un século antes de que nos Estados Unidos se vivise a febre do ouro, na outra beira do mundo, en Betanzos, comezaba outra febre, a do mercurio. No ano 1786 estendeuse pola cidade betanceira o rumor de que o prezado elemento abrollaba por diferentes partes da cidade. Os dixomedíxomes acabaron chegando ata a corte e o mesmo rei destinou á cidade o enxeñeiro Feliciano Miguez Pereira a través dunha real orde co fin de investigar a situación.
O primeiro cometido foi escoitar os relatos dos veciños. Logo de se publicar un edicto solicitando a colaboración cidadá, Nicolás de Otero, mordomo da confraría do Apóstolo San Pedro instituída na igrexa de Santa María do Azougue, relatou que cinco anos antes, ao se abrir unha sepultura no templo, saíron uns grans de mercurio, tal e como recolleu Francisco Vales Villamarín no Boletín da Real Academia de 1944.
Con estes e outros testemuños, Feliciano Míguez decidiu abrir unha mina. Porén, ao pouco de se iniciaren os traballos, o propio rei decidiu pechar a explotación, un mandato que cumpriu o enxeñeiro con desagrado, segundo se pode desprender de dúas placas de chumbo que deixou colocadas en dúas galerías da mina. Nelas, ademais, atopamos parte da chave desta historia. “Reinando en España Carlos III, se emprendió el seguimiento de azogue esta mina. El Marqués de Mos pudo, con falsas esposiciones, se suspendiese esta obra, en perjuicio del rey y de este pueblo, con el fin de encubrir el azogue líquido que se halla en la casa de Oca, del frente. Año de 1786”.
Efectivamente, azougue é, segundo o dicionario da Real Academia Galega, a forma popular para nos referir ao mercurio e tamén era azougue o nome da igrexa onde se afirmaba a descuberta do material. Posiblemente, o nome do templo tivo moito que ver neste episodio da historia betanceira e na súa continuación en 1872, cando a mina tería un novo rexurdir: constituíse unha empresa, lanzouse unha campaña para a captación de fondos e o inicio das prospeccións foi acollido con entusiasmo e ilusión... Porén, axiña comezaron as protestas pola cantidade de rúas afectadas nos traballos e polo temor dos veciños a perderen as súas vivendas. Tras os pasos dos días e, ao non aparecer por ningures o mercurio, suspendéronse os traballos e pechouse case definitivamente a mina.
Que puido pasar para que a mina fose un fracaso, pois, se ata o propio nome do templo, Santa María do Azougue, semellaba indicar a existencia do material? A resposta está en que na toponimia moitas veces o que parece evidente non sempre é o correcto: azougue, foi antigamente tamén un sinónimo de “mercado”. Este significado, que recollía o primeiro dicionario da RAG está na orixe do nome do templo, en cuxas proximidades podería estar establecido o mercado, isto é, o azougue da vila. Así mesmo o indicaba José Cornide 1793 nunha memoria que aparece reflectida na obra “Memorias politicas y economicas sobre los frutos, comercio, fabricas y minas de España... ”. de Larruga Boneta:
Algunos años hace que he oído que en la Ciudad de Betanzos se había descubierto una mina, y que se había mandado sellar, y añadian por congetura de su existencia, que en aquella ciudad llaman a la Plaza del Mercado ó Azougue (el azogue) ó plaza del Azogue, pero esto es ignorar que azoque ó zoque es palabra Arabe que vale lo mismo que Plaza. Si como la etimología es la mina, poco podrá V. S. contar con la de Betanzos.
Outros exemplos de azougues galegos foron o mercado de peixe da Coruña, isto é, "azougue de piscato", que no ano 1244 estaba situado "inter domum Domine Urrace Arnaldi de Sancto Jacobo et domum qui fuit de Juliano de Veyra" e o "açougue de Monforte". Porén, hoxe ademais da igrexa betanceira, só temos rexistrado unha aldea chamada O Azougue na freguesía de Bretoña, no concello lugués da Pastoriza.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…