O Caramecheiro de Ribeira, un lugar onde abundan os caramuxos?

O caramuxo é un molusco gasterópodo mariño de pequeno tamaño que vive nas zonas rochosas da costa de Galicia. Malia ser caramuxo a palabra con maior uso e recoñecemento no galego común, presenta outras dúas variantes dialectais importantes, mincha e bígaro, tal e como documentou Francisco Fernández Rei no artigo “No mar todo se move: áreas léxicas na nomenclatura da fauna marítima da Gallaecia”. A elas, cómpre engadirmos outros nomes máis localizados e menos coñecidos, como cuco, meiga, freiriña e caramecha.

É precisamente esta último termo, caramecha, a palabra que está detrás da orixe dun dos topónimos de Ribeira, Caramecheiro, que está a indicar que no lugar hai abundancia de caramechas, un significado que lle achega o sufixo derivativo -eiro.

Porén, onde noutra parte da nosa xeografía este Caramecheiro sería un lugar onde abundan os caramuxos, cómpre repararmos que, no concello de Ribeira e en boa parte do Barbanza, unha caramecha ten un outro significado: caracol de terra, nomeadamente o caracol das dunas. Así é como aparece no Tesouro Informatizado da Lingua Galega  e así é como se recolle na fala habitual da zona. De feito, nesta área dialectal, coexisten as dúas formas, caramuxo e caramecha, para indicaren os “caracois de mar” e os “caracois de terra” respectivamente.

Caramecha e Caramacheiro son, por tanto, boa mostra da riqueza léxica do galego e da importancia de termos presente as variedades dialectais léxicas no estudo da nosa toponimia.

 

Tamén che pode interesar...

Detrás de cada un dos máis de 40.000 topónimos que forman parte do noso Nomenclátor, existe unha motivación e unha razón de ser…

É ben difícil escoitar a palabra Camariñas sen deixarse levar e recitar os versos que compoñen unha das cantigas máis afamadas…