Unha inmensa traxedia aconteceu o 12 de xullo de 2022: unha típica tormenta seca de verán e un único raio acabaron por provocar o que foi o maior incendio forestal en Galicia desde que hai rexistros. Durante dúas semanas, máis de 11.000 hectáreas arderon nun dos nosos paraísos, O Courel, e os habitantes de moitas das súas aldeas tiveron que observar con rabia como perdían todo: Seceda, Mercurín, Ferreirós, Parada, Moreda, Seoane, Meiraos, Vilasibil, Miraz, Paderne, Pedrafita do Courel e Sobredo foron algunhas das aldeas que correron o risco de esmoreceren baixo o lume e os seus habitantes foron os grandes damnificados.
Á desolación provocada por tamaña perda para a natureza ocasionada polo lume, había que engadir o risco que correu de desaparecer entre as lapas unha parte do seu patrimonio inmaterial: os seus nomes de lugar. Porén, houbo quen se puxo mans á obra para que a perda cultural fose menor que a paisaxística: o alumnado de 2º da ESO do CPI Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel.
No vídeo que encabeza este post, estes rapaces e rapazas cóntanos como fixeron a recolla da toponimia. Realizaron diferentes rutas polos lugares que arrasou o incendio, nas que actuou de guía un dos seus veciños, Orlando, e a avoa dun dos alumnos, María Teresa. Nestes percorridos, os informantes ían indicándolles os diferentes topónimos que coñecían e eles foron xeorreferenciando cada un deles a través do GPS dos seus teléfonos móbiles e da aplicación Galicia Nomeada.
O resultado foi case un cento de nomes de lugar que hoxe xa están dispoñibles para visualizar e descargar no visor de topónimos da plataforma colaborativa Galicia Nomeada. Deste xeito, nesa inmensa ferida negra das terras do Courel queda salvagardada a memoria da paisaxe e a historia deste territorio a través dos seus nomes. Moitos deles, como A Cabana da Granxa, O Castro de Mogonxe e outros están ademais acompañados dunha imaxe que engade moito máis valor ao traballo de recolla. No vídeo, ademais, non perdas a lenda do Pozo da Escaleira contada por un dos informantes.
Nesta iniciativa xurdiu despois de que Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, impartise unha charla Toponimízate para o alumnado e profesorado deste centro a finais de novembro de 2022. O encontro foi altamente produtivo como podemos ver un meses despois.
Os nosos parabéns a todo o alumnado do centro e ao seu profesorado por esta grande iniciativa, especialmente a Raquel Vila Amado, profesora de Lingua e Literatura do centro, quen contactou no seu momento con Galicia Nomeada e coa Real Academia Galega para convidarnos a dar un dos obradoiros, e a Lourdes G. Sotelo, profesora de Bioloxía, quen realizou e colgou o vídeo.
Este venres 23 de agosto tivo lugar en Cervás a presentación dun extraordinario traballo de recollida e rexistro da talasonimia, isto é…
O IES de Meaño, un dos centros máis activos na plataforma Galicia Nomeada, presentou un interesante proxecto de posta…