O río Mao fai honra ao seu nome?

Ata confluír co río Cabe en Monforte de Lemos, o río Mao percorre tamén os concellos de Bóveda e O Incio, onde nace preto da aldea das Cortiñas nuns predios denominados O Barreiro e A Fonte do Vaso, segundo o Catastro. A súa importancia é tal neste municipio lucense que deixou pegada no nome de tres freguesías, Santa María, San Salvador e San Román, todas elas apelidadas do Mao.

Aparentemente, o nome deste río, Mao, semella ser transparente como as súas propias augas: o adxectivo do galego común mao, procedente do latín MALU, empregámolo para designar aquelas cousas e persoas que non teñen unha boa calidade. Daquela, un Río Mao sería o oposto aos abundantes Río Bo, Riobó ou Rioboo que atopamos por toda Galicia. 

Agora ben, é efectivamente o río Mao do Incio e os outros así designados un pésimo curso fluvial? Algúns lingüistas e filólogos opinan que non. Rivas Quintas e Moralejo coinciden en indicar que os diferentes topónimos Río Mao que se recollen en Galicia e en Portugal proceden dun tema hidronímico *U-M co significado de ‘húmido, líquido, auga’, ao que se lle engadiría o sufixo latino -ANU. Basean parte da súa argumentación nos testemuños antigos do río, grafados como Umao, Humano, Omao, Mao etc. Exemplos disto serían un “rivulum Omano” que documentamos nun texto do ano 864; unha “villa quam vocitant sancta Maria de Humano“ que atopamos noutro de 1106; ou un “valle Homano”, do ano 1064. Todos eles aparecen nos documentos do Mosteiro de Samos.

En cambio, Cabeza Quiles, sen descartar a hipótese anterior, cre que o topónimo Riomao da Estrada, que tamén dá nome a unha aldea da parroquia de Loimil, puido chamarse deste xeito para facer “referencia á pouca auga que leva ata chegar á parroquia de Riobó, onde, ao recibir as augas do regueiro de Barcia e aumentar considerablemente o seu caudal, recibiu o nome de Riobó”. Anos antes, Elixio Rivas afirmara que casos como este ‘río bo’ apareceran por etimoloxía popular por unha falsa interpretación do topónimo. 

Se é certa a tese de Cabeza Quiles, teriamos que analizar un por un cada un dos Río Mao ou Riomao que existen en Galicia para sabermos se é verdade iso de que se “o río soa é que auga (boa) leva”. 
 

Tamén che pode interesar...

Nós non temos dúbida, en calquera punto de Galicia vívese moi ben... pero hai algúns lugares onde se vive mellor porque xa nolo din os…

A próxima versión do Nomenclátor de Galicia estará composta por case 43.000 topónimos oficial sumando os nomes de concellos,…