A relación entre os escudos dos concellos e a toponimia é moi estreita. Os dous actúan como símbolos do territorio: mentres o topónimo nomea o lugar, o escudo dálle a imaxe. Funcionan, xa que logo, como sinais de identidade que en moitas casos se interrelacionan entre si. Algúns escudos municipais van máis alá e incorporan elementos gráficos que visualizan a interpretación popular do significado do topónimo; son as denominadas “armas falantes”.
Cervantes é un bo exemplo disto, pois no seu escudo aparece un castelo que simboliza a fortaleza de Doiras e unhas montañas que recordan cumes como O Mustallar ou Os Tres Bispos, picos destacables e ben coñecidos en toda a serra dos Ancares. O elemento máis destacado das armas de Cervantes é un cervo de ouro, en clara alusión ao nome de todo o municipio. Mais é Cervantes un zootopónimo que forma parte da ampla familia léxica deste ruminante da que formarían partes outros nomes de lugar como Cerval ou Cerveira?
Frei Martín Sarmiento, o grande intelectual ilustrado, é un dos responsables de que esta interpretación etimolóxica goce de tanta difusión en Galicia. Segundo o monxe beneditino “Cervantes, Cerveyro, Cerveyra, Cervaña, etc, vienen de CERVUS”.
Porén, a investigación filolóxica considerou que este vínculo era máis unha etimoloxía popular que unha realidade posible. O propio José Luis Pensado Tomé, editor da obra do relixioso beneditino, expresou as súas dúbidas sobre esta hipótese ao manifestar que “ni siquiera tiene sentido el uso de -antes en un sintagma con cervus”, para despois sinalar o camiño para chegar á interpretación actual do topónimo: “lo más probable es que se trate de un topónimo prelatino”.
Esta vía seguiuna Moralejo Álvarez: no seu artigo sobre os “Topónimos célticos en Galicia” suxire que un “nombre tan ilustre como CERVANTES (...) derive de *kerbo”, unha raíz que tería o significado de ‘en forma de punta’ en alusión ao relevo montañoso deste concello lucense.
A presenza de formas semellantes en cursos fluviais, como os ríos Cerves, levou tamén a outros autores, nomeadamente a Edelmiro Bascuas, a ligar este topónimo e outros, como Cervo e Cerveira cunha raíz prelatina, pero neste caso con valor hidronímico relacionada coa presenza ou abundancia de augas.
No caso do Concello de Cervantes, os dous significados destas raíces prerromanas encaixan coa orografía deste municipio, pois existen ducias ou centos de correntes de auga que baixan por cada unha das valgadas do seu territorio e tamén existen outros tantos montes e outeiros con cumios puntiagudos.
Como xa temos falado en reiteradas ocasións nesta páxina, a etimoloxía popular é un fenómeno lingüístico ben…
Entre os máis de 500 lugares hasbitados que forman o concello da Estrada hai un só existe neste municipio: Matalobos…