No concello ourensán de Castrelo de Miño existe unha localidade denominada O Toledo, que ao lela non podemos máis que lembrar a cidade manchega e capital das tres culturas: Toledo. A evidente similitude na grafía das dúas poboacións, só rachada polo artigo na ourensá, pode levarnos a considerar que haxa tamén relación entre elas. Mais, cal é esta vinculación?
O Toledo pode ser un topónimo de traslado traído a Galicia talvez por un grupo de habitantes da localidade toledana que fundarían aquí un pequeno núcleo de poboación co nome da súa cidade de procedencia. Este movemento migratorio, que se produciría tras a chegada dos árabes á Península, sería paralelo ao rexistrado nos topónimos Toldaos, nome de catro freguesías do Incio, Láncara, Pantón e Triacastela, que inclúen, cada unha, un lugar homónimo.
Outra hipótese que pode explicar a relación entre as dúas localidades remóntase ao 8 de maio do ano 1085, data na que Afonso VI “Victoriosissimo rege in Toleto, et in Hispania et Gallecia” desaloxou as tropas musulmás da taifa toledana. O eco desta vitoria resoaría de tal xeito en todo o reino que puido provocar a aparición deste topónimo.
Por último, non podemos descartar que este topónimo teña procedencia no alcume dun dos seus moradores: o artigo inicial convida a pensar que o seu primeiro habitante fose coñecido como “O Toledo” e, por extensión, a casa en que vivía.
Agora ben, outros investigadores, como Fernando Cabeza Quiles ou Frutos Fernández González, descartan as tres hipóteses anteriores e negan que se trate dun topónimo de traslado. O Toledo miñense tería orixe nunha raíz prerromana *TOL, referida a ‘alturas rochosas ou abruptas’. Esta etimoloxía cadraría perfectamente tanto no Toedo da Estrada como no Toledo de Castrelo de Miño. O mantemento do -l- intervocálico no topónimo ourensán, Toledo, fronte á perda do estradense, Toedo, podería ser un impedimento para esta explicación. Con todo, Edelmiro Bascuas xulga que O Toledo tería un étimo con -ll- xeminado, mentres o -l- que se perdeu en Toedo tería como antecedente etimolóxico un -l- simple. Esta alternancia é comparable, por exemplo, á que se produce en Salagia > Seaia (Malpica, A Coruña) coa localidade Salaia de Palas de Rei, Lugo.
Se temos en conta o anterior, O Toledo de Castro de Miño non sería un topónimo replicante do Toledo castelán, malia que si estarían relacionados ao compartiren a mesma raíz que os formou.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…