Os nomes da nosa terra: Barro

Cada topónimo que nos rodea ten unha historia detrás; preservalos é manter o facho aceso que nos serve para deitar luz sobre o noso pasado, para coñecer quen fomos noutrora. Nun novo capítulo da serie Os nomes da nosa terra, Fran Cañotas desprázase ata o concello pontevedrés de Barro para coñecer unha iniciativa exemplar que conseguiu implicar a veciñanza deste concello na salvagarda e estudo de toda a súa riqueza patrimonial toponímica. 

Alí conversará con varios dos informantes que se implicaron coa súa terra nun proxecto colectivo de salvagarda do seu patrimonio inmaterial chamado Nomea Barro, mediante o cal recuperaron e puxeron dispoñibles na plataforma Galicia Nomeada máis de 500 topónimos.

O presentador deste espazo, Fran Cañotas percorre con Yoyes e mais José Ramón, Ricardo, Sofía e Adrián os camiños históricos deste concello para coñecer con eles lugares como as Fervenzas da Barrosa, A Maquieira, A Portela, A Fonte da Preguiza, O Outeiro do Pintor, Porto Romeu ou Triabá, nomes dos que nos contarán historias case esquecidas.

Sheila García Prado, arquitecta e xestora cultural do Colectivo Espazo 16, explica como a veciñanza deste concello xunto ao tecido asociativo, o alumnado e profesorado do IES de Barro, uniron esforzos a Galicia Nomeada para conservaren a súa microtoponimia. 

Para rematar, Fran Cañotas chama a Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada, quen nos achega a etimoloxía do nome deste concello de Barro e a diferenza co nome do río Barosa.
 

Tamén che pode interesar...

Se hai unha administración municipal que está a traballar arreo na recuperación e difusión da súa toponimia tradicional esa é

A Serra do Suído é un territorio que durante séculos foi escenario dun modelo de vida baseado no pastoreo e no aproveitamento comunal…