A Serra do Suído é un territorio que durante séculos foi escenario dun modelo de vida baseado no pastoreo e no aproveitamento comunal dos recursos naturais que propiciaba a serra. Aquí, o ser humano organizou o seu día a día en harmonía coa natureza, deixando unha pegada fonda na paisaxe. Tras os pasos destas pegadas acode Fran Cañotas noutro capítulo da serie Os nomes da nosa terra, no que coñeceremos unha pequena mostra do patrimonio cultural que agocha esta paisaxe única.
E ninguén mellor para descubrir esta riqueza etnográfica e toponímica que Alberte Reboreda, antropólogo e investigador que coñece como poucos estas terras. El será o guía que nos mostrará como era a vida dos pastores na serra e a toponimia vencellada a esta actividade. Alén de nos falar dos chozos de pastores, curros, cortellos..., Alberte Reboreda fálanos do maior depredador que tiñan os rabaños de gando e o tipo de construcións creadas desde a antigüidade para darlles caza, coma O Foxo do Lobo, e dos que aínda quedan restos. Tamén nos levará ao Sesteiro do Lombo, un lugar en que se reunían os pastores para sestearen eles e mais o gando ao mediodía.
Nos meses de verán toda esta serra recibía o gando dos arredores, un traballo duro protagonizado polos pastores. Isabel Domínguez, Luz e José dannos o seu testemuño dunha actividade pastoril que desaparece.
Non se pode pechar este capítulo sen coñecer de onde vén este topónimo ben singular. Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e asesor científico desta serie, explícanos a orixe e significado do enigmático topónimo O Suído.