Se hai unha administración municipal que está a traballar arreo na recuperación e difusión da súa toponimia tradicional esa é Redondela, a través de iniciativas impulsadas por Xurxo Martínez desde o Servizo de Normalización Lingüística do Concello. Neste novo episodio de Os nomes da nosa terra, Fran Cañotas desprázase ata o concello pontevedrés para coñecer da man dos seus principais impulsores unha iniciativa que colabora co proxecto Galicia Nomeada.
Desde hai anos, Redondela está a levar a cabo un gran traballo de recuperación da toponimia menor que inclúe diferentes accións: traballo de campo coa recolla toponímica parroquia a parroquia; a publicación de libros cun estudo etimolóxico da toponimia e da microtoponimia de cada unha desas freguesías redondelás; ou a inclusión de máis de 3.000 microtopónimos como elementos do seu patrimonio cultural no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Xosé Couñago, autor precisamente dun dos libros que analiza a toponimia da parroquia de Cesantes, preséntanos unha das iniciativas que levaron a cabo consistente en incorporar códigos QR nos letreiros cos nomes das rúas e dos barrios que nos permiten coñecer o significado e a historia de cada topónimo.
Outros protagonistas que acompañarán a Fran Cañotas por Redondela son Olga Nogueira, coa que visitamos a parroquia de Ventosela e o lugar chamado As Pedras Agudas; Juan, que nos falará dun dos topónimos máis característicos deste concello pontevedrés, Rande; e Jose Luís, que nos agarda en Chapela para explicarnos as hipóteses toponímicas sobre este curioso nome.
Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e asesor científico desta serie, pecha o capítulo falando, como non podía ser doutro xeito, do topónimo Redondela que dá nome a todo o concello.