Os nomes da nosa terra: As Fragas do Eume

Son moitas as ocasións en que a toponimia dun lugar fala da súa orixe, ben sexa real ou mítica. Neste novo capítulo da serie “Os nomes da nosa terra” coñeceremos como as persoas que habitaron durante séculos a ribeira do río Eume perpetuaron a súa lenda a través dos nomes e como estes microtopónimos foron recuperados grazas ao labor desinteresado da Asociación Cultural Ardóbriga

Fran Cañotas reúnese neste espazo mítico da nosa xeografía con Ramón Infante e Antón Prego, membros desta asociación que levan anos recuperando cada un dos topónimos das Fragas do Eume e que participan activamente como colaboradores do proxecto Galicia Nomeada. Con eles coñeceremos a historia lendaria do río Eume a través dalgúns dos topónimos que existen no seu percorrido: A Croa de Cidio, As Tres Marías... Martín, un dos gardas forestais das Fragas, tamén nos contará algunhas historias reais ou fantásticas que motivaron nomes como A Pedra do Anxeliño ou A Pena do Cabalo... E con Guillermo coñeceremos quen era o tío Benito, un pescador do Eume cuxos salmóns chegaban como pagamento a Madrid e cuxo nome acabou bautizando unha das postas máis sonadas para pescar no río, O Pozo do Tío Benito. Para rematar, Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e asesor desta serie documental, descubriranos a orixe de microtopónimos do río tan particulares como Andarubel ou tan xerais e coñecidos como é o nome de todo este parque natural, As Fragas do Eume.
 

Tamén che pode interesar...

Detrás dalgúns topónimos hai historias que nos falan das crenzas relixiosas ou pagás dos nosos antepasados, historias que chegaron ata…

A vida nunha illa transcorre paralela aos feitos que afectan ao resto do mundo, pero coas súas propias singularidades. Isto fai que os…