Os nomes da nosa terra: A Serra do Cando

Detrás dalgúns topónimos hai historias que nos falan das crenzas relixiosas ou pagás dos nosos antepasados, historias que chegaron ata os nosos días transmitidas de xeración en xeración. Neste novo capítulo da serie “Os nomes da nosa terra”, Fran Cañotas visita A Serra do Cando, situada entre os concellos de Cerdedo Cotobade, Forcarei, A Lama e Beariz, para escoitar algunhas destas lendas que aínda están vivas.

Xosé Lino Vidal, natural de Laxedo, na Lama, coñece moitas delas grazas ao traballo de recolla de toponimia que levou a cabo practicamente durante toda a súa vida. Lino lavará a Fran a visitar algunhas pedras da serra como Os Outeiros da Fala, O Outeiro das Letras ou Onde se Pousa o Santo, para explicarlle a motivación destes nomes e os rituais que aquí se practicaban.

Manuel Sieiro, outra das persoas que tamén se dedicou a recoller e gardar a toponimia da Serra do Cando, agarda a Fran Cañotas nun lugar especial, A Porta do Alén. Para os veciños de Cerdedo, este monumento megalítico do Monte do Gabián é un punto onde se conectan o mundo dos vivos e o mundo dos mortos. Manuel e Fran representarán o ritual que aínda se segue practicando na noite do Samaín. Outro dos espazos singulares que lle ensinará Manuel é un milladoiro chamado Onde Morreu o Home, un lugar cargado de misterio e de tradición.

Ao remate deste episodio, Fran Cañotas contacta con Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e membro do Seminario de Onomástica da RAG, para que nos explique a orixe e significado do nome desta serra, O Cando.

Tamén che pode interesar...

A vida nunha illa transcorre paralela aos feitos que afectan ao resto do mundo, pero coas súas propias singularidades. Isto fai que os…

A toponimia é moito máis que patrimonio cultural. Grazas a ela podemos descubrir as chaves para interpretar o noso territorio, para…