Os nomes da nosa terra: A Illa de Arousa

A vida nunha illa transcorre paralela aos feitos que afectan ao resto do mundo, pero coas súas propias singularidades. Isto fai que os seus habitantes acaben conformando unha identidade propia, que se reflicte en moitos aspectos como os costumes, as tradicións, o vocabulario e, por suposto, a toponimia. 

Neste novo capítulo da serie “Os nomes da nosa terra”, Fran Cañotas visita A Illa de Arousa para comprobar aquilo que fai singular este territorio insular. Ninguén mellor para ensinarlle as súas particularidades ca Helena Domínguez. Esta docente de Lingua e literatura galegas é nativa da illa e unha verdadeira apaixonada da súa toponimia: este mesmo ano recibiu no Grove o primeiro Premio Luís Rei de Investigación e Cultura Marítima polo traballo Cons, touzas e petóns: talasonimia da Ría de Arousa. Con ela aprenderemos que significado específico ten nesta illa a palabra do galego común barba, presente no topónimo Barbafeita, e descubriremos a orixe doutros talasónimos como O Con de Tres Pés.

Helena aprendeu a microtoponimia do mar da man de pescadores e mariñeiros como Ventura Oubiña, outro dos protagonistas cos que conversará Fran Cañotas arredor da toponimia local. Ademais de descubrir novos topónimos da illa, Ventura falaranos de artes de pesca como a “secada”, que mesmo bautizou un dos areais da Illa de Arousa, A Area da Secada.

Un dos puntos cunha vista privilexiada da ría de Arousa é a Punta de Quilma, onde a topógrafa Susi Rial nos ensinará como algunhas das palabras que existen para designar cultivos ou labores agrícolas, tales como camallón ou touza, tamén están presentes na talasonimia desta illa. 

A última visita de Fran será a outro lugar emblemático da illa, o chamado Con do Forno, da man de Estela Rial, unha alumna do IES Illa de Arousa moi interesada en conservar este patrimonio cultural inmaterial da illa e que tamén nos contará o significado deste topónimo.

Para rematar o capítulo e como xa vén sendo habitual, Fran Cañotas fai unha videochamada con Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, para que lle explique a orixe do topónimo Arousa.

Tamén che pode interesar...

Detrás dalgúns topónimos hai historias que nos falan das crenzas relixiosas ou pagás dos nosos antepasados, historias que chegaron ata…

A toponimia é moito máis que patrimonio cultural. Grazas a ela podemos descubrir as chaves para interpretar o noso territorio, para…