A paisaxe toponímica de Francisco Fernández del Riego I: os pseudónimos

O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega presentaron unha grande idea: converter o 17 de maio nunha celebración das nosas letras. O día escollido non era casual: cumpríanse os 100 anos da data en que Fernán Caballero, pseudónimo Cecilia Böhl de Faber, escribira o prólogo da obra fundacional da literatura galega moderna, Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Hoxe, 60 anos despois de que se institucionalizase o Día das Letras Galegas, faise xustiza cun dos máximos impulsores desta celebración: Francisco Fernández del Riego, Don Paco.

Pouco podemos dicir de Francisco Fernández del Riego que non estea xa recollido nos múltiplos traballos que conmemoran a súa vida ou na páxina que a Real Academia Galega lle dedica, mais si queremos salientar del o que nós consideramos chave de Don Paco: é unha das figuras fundamentais a partir da posguerra sen a que a cultura galega non sería hoxe o que é. O Día das Letras Galegas 2023 é, pois, un xusto recoñecemento para alguén que traballou incansablemente polo noso país.

Nesta páxina queremos render a nosa humilde homenaxe a Francisco del Riego cunha serie de artigos sobre a súa paisaxe toponímica. Ben é certo que dentro da prolífica obra ensaística de Don Paco a toponimia ocupa unha nota á marxe, mais tamén é certo que a toponimia da súa infancia e mocidade estivo moi presente na súa vida. Xulgamos que non é casual que varios dos pseudónimos que escolleu para escribir os seus innúmeros artigos e textos repetisen o mesmo esquema: o nome dun dos santos dunha das parroquias da súa contorna seguido dun nome dunha entidade de poboación ou concello. Así, Don Paco foi coñecido como Salvador Lorenzana, Adrián Souto e Cosme Barreiros por citarmos tres destes sobrenomes.

O primeiro deles, Salvador Lorenzana, tira do nome do concello en que naceu, Lourenzá, e a advocación do gran mosteiro situado en Vilanova, San Salvador. Lourenzá é un topónimo único, igual que o foi Don Paco. Non só non rexistramos outro nome de lugar igual en todo o Nomenclátor galego senón que os nomes das catro freguesías que conforman o actual concello conteñen o topónimo Lourenzá, unha en solitario e as outras tres en compañía da advocación da parroquia: Santo Adrao de Lourenzá, San Tomé de Lourenzá e San Xurxo de Lourenzá. Hai tamén un outro feito singular: a capital municipal non está localizada no lugar de Lourenzá, unha aldeíña da freguesía de San Tomé de Lourenzá, senón en Vilanova.

Como apuntan na páxina de Toponomasticon Hispaniae, Lourenzá é un antropotopónimo, isto é, un nome de lugar derivado por sufixación dun nome persoal latino. Na orixe, pois, faría referencia ás terras ou explotación agrícola propiedade dun individuo chamado LAURENTIUS, por tanto, precede da fórmula (VILLA) LAURENTIANA. De feito, en varios documentos antigos temos documentada a forma etimolóxica e orixinal: así, nun instrumento do Tombo de Celanova do ano 934 menciónase unha das catro freguesías que forman o concello actual, “Laurentiana, Sancto Adriano”. Unha forma intermedia entre o LAURENTIANA orixinal e o Lourenzá actual aparece uns anos antes, 922, no tombo do propio mosteiro de Lourenzá, onde se menciona unha “domus iam supra nominatu sanctum Saluatorem de Laurenzana”.

Tamén é única a advocación do Mosteiro de Lourenzá que lle serviu de inspiración para o pseudónimo a Paco del Riego, Salvador. Son 173 as parroquias galegas que teñen como patrón a San Salvador, mais a súa singularidade recae no feito de que o milagre a que fai referencia, a transfiguración de Cristo, sucédelle ao propio Xesús. 

Menos popular é a advocación de San Cosme, mártir que xunto ao seu irmán, Damián, exerceu a súa profesión de médico sen cobrar aos doentes. Cosme, que provén do grego Κοσμάς, ‘adornado’ ou ‘ben presentado’, é patrón tan só de 19 freguesías galegas, entre elas a de San Cosme de Barreiros, no veciño concello de Barreiros. 

Se Lourenzá é un nome único, acontece todo o contrario con Barreiros pois documentamos máis de 120 lugares no noso Nomenclátor así denominados, tanto en singular como en plural. Son tamén abondosos os topónimos Barreira ou Barreiras e semellantes. A pesar desta profusión, non é sempre doado coñecermos cal é a orixe deste topónimo polo feito de que a forma barreiro pode proceder do termo prelatino barro (‘lama’) ou facer alusión á orografía do terreo por formar unha “barreira natural” ou por estar emparentado coa forma barra, isto é, “baixo de area na desembocadura dun río, que fai perigosa a navegación”. A confusión amplíase se temos en conta que os areais con forma de barra, como é a praia do Altar na Foz do Masma, son lugares onde tamén hai abundancia de lama e, por tanto, barreiros e barreiras.

Máis común que Barreiros é o topónimo galego Souto, recollido case 300 veces no Nomenclátor. Trátase dunha voz viva do galego común co significado específico de fraga de castiñeiros ou máis xenericamente ‘bosque poboado de árbores, especialmente carballos e castiñeiros’. É posible que na orixe do lugar do Souto da freguesía de Lourenzá, situado nas proximidades de Vilanova e que Francisco Fernández del Riego empregou como apelido no pseudónimo Adrián Souto, houbese, pois, unha abundancia de castiñeiros.

Pola súa parte, Adrao, Adrán, Adrián ou Hadrián proceden da forma latina HADRIANUS, sobrenome dunha estirpe romana procedente da cidade de Hadria, localidade italiana na beira do mar Adriático. O Santo Hadrián, titular de 17 freguesías, é un dos santos máis antigos do culto hispánico. Foi un soldado romano que se negou a cumprir a orde de presidir os martirios da cidade de Nicomedia e que se converteu ao cristianismo, motivos polos que foi torturado. As formas tradicionais Adrán e Adrao recollidas nas advocacións da parroquias responden ás diferentes solucións evolutivas que a terminación -ANU deixou no galego, -an para a parte máis occidenteal e -ao para a oriental.

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…