“Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu" é unha serie documental para coñecermos a vida do grande intelectual que levou da man a nosa cultura desde a posguerra ao novo milenio. A serie, producida pola Real Academia Galega e a produtora Miramemira, co apoio económico da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación, está dispoñible na canle de Youtube da RAG e repasa en 6 episodios os aspectos máis salientables desta figura central de Galicia.
Hoxe queremos deternos no que serve para abrir o pano, titulado "As luces primeiras". Trátase dun detallado percorrido pola adolescencia e os primeiros anos de mocidade, mais, sobre todo, da súa infancia nunha Vilanova de Lourenzá moi diferente da actual: a pequena vila só estaba formada por catro rúas cando naceu o noso protagonista, as catro aínda presentes na actualidade: a rúa de Montero Villegas, a calella do Bispo Villaroel, a rúa das Prazas, denominación que provén posiblemente do lugar onde se realizaban as prazas ou mercados; e a rúa da Gracia, que acaba desembocando na capela da Gracia, de aí o nome.
O relato do primeiro capítulo da serie tráenos á actualidade a paisaxe toponímica de Paco da Amada, alcume polo que era coñecido en Vilanova e que se debe ao nome da súa nai, Amada del Riego. No vídeo lémbrase a intensa afección temperá á lectura de don Paco, que porén tamén gustaba de pequenas aventuras: ás veces fuxía da vixilancia familiar para se bañar no río con outros rapaces de Vilanova en dous puntos en concreto, o Pozo das Olas e na zona de Cuñas. Precisamente, no centro de usos múltiplos Ponte de Cuñas terá lugar a sesión extraordinaria e pública das Letras Galegas do 17 de maio a partir das 12:30 h e que podedes seguir nesta ligazón.
Tivo unha infancia feliz, sen dúbida, agás por unha experiencia que o acompañou toda a vida: na noite do 15 de setembro de 1918, cando regresaba a Vilanova co seu pai e un amigo deste, Xaquín Lozano, xuíz municipal. Ao pasaren pola Pena Corveira, xunto á Fonte Fermosiña caen nunha emboscada. Un home, Antonio Bermúdez Leibas, que andaba á procura de Xaquín Lozano, fere de gravidade o xuíz e o pai de Paco de Amada.
Un episodio moito máis afortunado sucedeu arredor da romaría do Conde Santo, a grande festa de Lourenzá que no último domingo de agosto conmemora a figura de Osorio Gutérrez, nobre galego fundador do mosteiro de San Salvador. Alí está a súa sepultura desde o século X, chea de lendas e de misterios, entre eles a que conta Víctor Freixanes no vídeo: quen meta un dedo por un buraco situado na parte baixa do sepulcro e consiga tocar os ósos do conde, terá boa sorte e verá cumprido un desexo. Nesa festa, que ten lugar na Praza do Conde Santo, coñeceu a alguén que o marcaría para toda a vida, Álvaro Cunqueiro, e que se converterá nun dos seus compañeiros vitais durante máis de sesenta anos.
Non queremos desvelar moitos máis detalles desta grande serie e convidámosvos a vela directamente para repasar a paisaxe toponímica da vida de don Paco:
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…