Se hai un libro fundamental na obra de Don Paco este é O río do tempo. Unha historia vivida. Nel “... conto o que me sucedeu durante o decorrer de moitos anos, e de todo aquilo do que fun testemuña. O que, no seu contido, pode valer é o decurso completo dunha existencia; a de alguén que fixo o que pensaba que debía facer, pero sempre con relativa prudencia e xenerosidade.”
Trátase, pois, de toda unha traxectoria vital escrita polo seu protagonista, unha figura central na Galicia do século XX. De entre todos os episodios que nel se relatan, queremos deternos nun. Aconteceu o 15 de setembro de 1931:
Abandonamos a casa na que naceramos, e puxémonos en camiño cara ao novo destino. A partida da vila supuxo un insólito acontecemento para as xentes coas que conviviramos. Xuntáronse moitos veciños, algúns con bágoas nos ollos, a nos despedir. (...). Subindo a costa de Arroxo desde a altura, contemplei outra volta -agora con nostálxica mágoa- os lugares acasarados, as minúsculas aldeas. Aí, ao pé da requeixada da meseta galega, quedaba a paisaxe valeca; o xorrar do río no seu embastecemento aluvial; a escura sombra da serra da Cadeira, núa e antiga, sobre a que tantas veces ollara acenderse os candieiros do luceiro da mañá. Viñéronme ás mentes, de súpeto, topónimos moi sabidos: O Cascapizo, A Condomiña, Escourido, Pumar de Dón, A Cazolga, Recemil, Tiagonce, Vilapol... Alá, no fondo, quedaban soterrados os anos da nenez e adolescencia.
O relato percorre toda unha xeografía da súa Lourenzá natal. A Costa de Arroxo, onde don Paco se parou a ollar cara atrás, está situada no lugar homónimo da parroquia de Lourenzá. É un topónimo que se repite ata 8 veces no Nomenclátor de Galicia, todas elas, curiosamente, na provincia de Lugo. Para Nicandro Ares trátase dun nome de lugar que provén do latín serodio ARROGIUM, unha voz prerromana que Plinio definiu como ‘galerías subterráneas ou correntes de auga que se empregaban para lavar o mineral’. Piel, en cambio, propón un étimo diferente, “arrojo” co significado de ‘ladeira escarpada’. Cómpre ter en conta, ademais, que no galego común temos a palabra arroxa ‘extensión de monte ao que se lle queimou a leña’, que tamén pode estar relacionada co significado deste topónimo.
Condomiña, rexistrado ata 13 veces no Nomenclátor, é a evolución ao galego do termo latino CONDOMINIA, plural de CONDOMINIUM, co significado de ‘terra ou lugar de dominio común, compartido entre varios posesores’. Como indica Xosé Ramón López Boullón no libro Toponimia de Ames respecto do lugar chamado A Condomiña da parroquia do Ortoño, os topónimos que conteñen este nome son polo regular de orixe medieval.
Hai 12 entidades de poboación chamadas Escourido en Galicia, ás que cómpre sumar outras 4 chamadas Escouredo, todas elas na provincia de Lugo. A través do sufixo abundacial -edo / -ido, procedente do latín -ETU, indica lugares onde se depositaba a escoura, isto é, os residuos que quedaban despois de queimar certos materiais. Escoura é unha palabra que xa se rexistra no latín, SCORIA, e que procede do grego. Un topónimo relacionado con Escourido e con significado moi semellante é Escorial ou Escoiral, dependendo de se se produce ou non a metátese silábica.
Entre a relación de nomes de lugar citados no episodio que encabeza este artigo hai cinco posibles antrotopónimos: Recemil, Tiagonce, A Cazolga. Vilapol e Pumar de Don, visto este último noutro artigo desta serie. Recemil e a variante Recimil, é un topónimo presente en sete aldeas do país e nun barrio de Ferrol. Procede dun sintagma (VILLA) RECEMERI, xenitivo este último dun nome de orixe xermánica RECEMIRUS, que poderiamos traducir como ‘home rico’ e ‘célebre’, significado das partículas REIKS- e -MIRUS que o conforman.
Vilapol, topónimo que ademais de Lourenzá tamén se repite na parroquia de Portocelo, en Xove, procede de VILLA PAULI, isto é, unha posesión de PAULUS. O primeiro dos elementos do sintagma, VILLA, quedou elidido no nome doutro concello lucense, Pol.
Mais escuro en canto ao seu significado resulta Tiagonce, nome único este no Nomenclátor, mais que podería estar relacionado con Casaldegonce, nome dunha entidade de poboación en Cerdido e con Gonce no concello de Friol. Respecto deste último, Nicandro Ares xulga a súa orixe noutro antropónimo, neste caso tamén feminino, que se escribiría Gundia na orixe.
A Cazolga é para nós, de momento, unha incógnita toponímica, pois tamén é un topónimo único en todo o Nomenclátor de Galicia. Escrito na documentación antiga como A Casolga, poderíase interpretar como un Cas + Olga, isto é, a casa dunha persoa chamada Olga, mais non non temos datos suficientes para o asegurarmos.
Deixamos para o final o topónimo O Cascapizo, un topónimo tamén escuro na súa orixe e único no Nomenclátor. A singularidade deste topónimo é que identificaba unha entidade de poboación que figuraba nos nomenclátores máis antigos, pero que non forma parte do Nomenclátor actual. O motivo é que se trataba dunha pequena entidade de poboación formada por unha soa casa (así se rexistra no Nomenclátor do ano 1868) e tamén porque a evolución de Vilanova de Lourenzá acabou integrando este pequeno lugar no núcleo urbano. Con todo, o feito de que se trate de un nome de lugar único convida á súa recuperación no novo Nomenclátor de Galicia sobre o que está traballando o Seminario de Onomástica da RAG.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…