Don Paco foi un traballador incansable ata os últimos anos da súa vida. Nas décadas dos anos noventa e dos dous mil, con máis de oitenta e noventa anos respectivamente, publicará talvez os libros máis relevantes na súa bibliografía intelectual, tal e como define Ramón Nicolás na biografía que se pode consultar na páxina da Real Academia Galega dedicada a celebrar a vida de Francisco Fernández del Riego. Entre estas obras está a súa primeira novela, O Cego de Pumardedón.
Novela dura cun compoñente autobiográfico, O Cego de Pumardedón (1992) está considerada un símbolo da xeración de Fernández del Riego. Mauro, o seu protagonista, cego como consecuencia da Guerra Civil, relata a súa vida cotiá onde se mestura o seu pasado como soldado franquista na fronte de guerra co seu presente escuro no lugar de Pumar de Don, na freguesía de Lourenzá. É Pumar de Don, pois, o topónimo que comentaremos neste segundo capítulo de artigos dedicados á paisaxe toponímica de Don Paco.
O primeiro elemento do topónimo, Pumar, é ben recoñecible: trátase dunha variante con peche da vogal pretónica da voz do galego común pomar, palabra que se emprega para designar terreos plantados con árbores froiteiras onde predominan as maceiras. O Nomenclátor de Galicia recolle case un cento de lugares que inclúen as formas Pomar ou Pumar e derivadas, ben de forma sintética, como Pumariño, ou analítica, como o caso que nos ocupa, Pumar de Don.
Pumar, pois, é un derivado co sufixo abundancial -ARE, variante de -ALE, da forma POMA, POMARE. Como explica Gonzalo Navaza no seu libro Fitotoponimia Galega, a voz latina POMUS designaba calquera tipo de froita; dela derivan na actualidade a voz culta pomo cos significados de ‘froito complexo de forma arredondada ou piriforme co mesocarpo carnoso e o endocarpo que contén as sementes’ ou ‘tirador que serve parar abrir unha porta’. A voz latina feminina POMA adquiriu en partes da Romania o significado de mazá e, deste xeito, linguas como o catalán ou o francés usan derivados deste étimo para designar o froito das maceiras. As nosas mazás proveñen do segundo elemento do sintagma MALA MATIANA, derivado este de MATIUS, nome dun botánico que, segundo Plinio, foi o grande difusor da esta árbore froiteira. O sintagma MALA MATIANA podería ser traducido, xa que logo, como ‘mazá de Maltius’. A homonimia do substantivo latino MALA ‘mazá’ co adxectivo MALA (‘mala’) puido estar detrás de que triunfase o segundo elemento para denominar a froita.
Temos claro, pois, cal é o significado do primeiro dos formantes do topónimo; mais, que será ese Don que vén despois da preposición "de"? O máis doado sería relacionámolo coa fórmula que precede nos tratamentos de respecto ás persoas, porén neste caso fáltanos os nome de pía que adoita acompañar ao Don. Pero non foi sempre así: nun documento do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá datado en 1094 dámos cun “Pumar de Domno Ero” e noutro de 1150 cun “ipsa uilar Pumar de Domno Ero”. Isto significa que o pomar era dunha persoa chamada Ero.
Ero foi un nome bastante frecuente na Idade Media, procedente do xermánico HAIRU, 'espada'. Segundo podemos ver na Guía de nomes galegos, na súa difusión é posible que influíse “a confluencia do nome Eros, procedente do grego Érōs 'desexo dos sentidos, amor, paixón', a través do latín Eros, a personificación do amor.
Ao tratarse dun nome moi común na Idade Media, é ben difícil coñecermos quen foi o Don Ero primeiro propietario deste pomar. De Lugo foi. por exemplo, o seu conde Ero Fernández (século IX-X), pai de santa Aldara ou Ilduara de Celanova e avó de San Rosendo, así como fundador dos mosteiros de San Salvador de Asma, en Chantada, e de Santa María de Ferreira de Pallares, en Guntín. Outro Ero da Armenteira (século XI) foi un frade, que, segundo a lenda, quedou durmido escoitando o canto dun paxariño e espertou trescentos anos despois. Popularmente relacionouse a súa lenda coa recollida na composición número 103 das Cantigas de Santa María do rei Afonso o Sabio.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…