A paisaxe toponímica de Luísa Villalta: O Gurugú

O Gurugú é o lugar onde “viviu e soñou Luísa Villata”. No número 6 da rúa Vila de Laxe “as súas mans modelaron a lingua, os sons, o que había no outro lado da música, na poesía” tal como sentenza a placa que a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega dispuxo, ao se cumprir unha década do seu triste falecemento, nese mesmo fogar que a vira nacer en 1957. 

Entre estas dúas datas, 1957 e 2004, transcorreu no Gurugú toda unha vida dedicada á escrita, á docencia, á música e ao compromiso con todas as loitas xustas; facetas todas elas en que destacou Luísa Villalta, autora homenaxeada neste ano 2024 no Día das Letras Galegas.

O Gurugú forma parte da paisaxe toponímica de Luísa Villalta; comezo e fin, xa que logo, das súas vivencias. O topónimo Gurugú é unha variante, actualmente en retroceso, con que os coruñeses máis idosos denominan o barrio da Falperra. Mais o topónimo Gurugú orixinal está situado nun macizo montañoso a centos de quilómetros da cidade herculina, xunto a cidade de Melilla. Esta distancia física non impide que un topónimo, o coruñés, sexa eco destoutro. 

A comezos do século XX, o Monte Gurugú melillense acadou bastante relevancia ao ser un dos epicentros da guerra que España mantivo con Marrocos polo control no norte de África. O primeiro dos episodios bélicos das chamadas “accións do Gurugú” tivo lugar no ano 1909, mais tamén houbo outros episodios posteriores, especialmente en 1921.

Os primeiros testemuños escritos que atopamos do Gurugú coruñés coinciden temporalmente cos episodios bélicos do norte de África: por exemplo, en 1913 infórmase na prensa local dun banquete para recadar diñeiro para alimentación de crianzas que “Se celebrará en el punto denominado Las lomas del Gurugú, en la Arrabiada”. A forma “lomas” que acompaña ao topónimo tamén nos está a dar unha pista: con certa frecuencia, na información xornalística sobre o conflito do Gurugú empregábase este termo. Ata esta data, nunca se rexistra o topónimo en catastros antigos, como no de Ensenada, nin en ningunha documentación oficial anterior ao século XX. 

Agora ben, como é que este topónimo Gurugú acabou trasladándose á Coruña? Popularmente intentouse relacionar os dous topónimos a través de diferentes lendas ou historias locais. Nunha delas dise que moitos soldados que regresaren do conflito acabaron asentándose nesta parte da cidade, un dato do que, por outra parte, non existen testemuños na prensa nin probas de que sucedese. Cabeza Quiles na súa Toponimia de Galicia vai neste sentido cando explica que puido ser un “topónimo traído a Galicia por combatentes galegos na guerra de Marrocos”. 

Tamén se fala das semellanzas físicas entre os dous Gurugú, dúas alturas situadas nas proximidades dunha cidade. Lembremos que a comezos do século XX O Gurugú era un outeiro que comezaba a habitarse, cunha aldea nas proximidades que se chamaba precisamente O Monte, hoxe rúa do Monte. 

Porén, xulgamos máis acaída outra das posibilidades que o propio Cabeza Quiles presenta: trátase dun topónimo xestado na propia terra para se referir de forma despreciativa a unha das partes da cidade ou barrio, tal e como sucedeu con outros exónimos de traslado en barrios da Coruña: Corea, China ou Xapón son partes do barrio Labañou; e Katanga do Ventorrillo. 

O proceso polo que se crean estes topónimos despreciativos é que nalgún momento concreto acaba identificándose un “problema local propio cun topónimo foráneo”  xusto no momento en que nese lugar está a se producir algún tipo de conflito, especialmente bélico, e a poboación dese país é vista como inimiga. Así o explica tamén Alfonso Blanco Quintela ao falar dun monte Gurugú que existe en Muros: o topónimo naturalizouse como nome común como sinónimo de ‘liorta’ e “así, algúns lugares onde se produciron sucesos violentos acabaron tomando o nome do devandito monte africano”

En efecto, outro dos primeiros testemuños do uso do Gurugú aplicado a esta zona da Coruña amosa a existencia de certa conflitividade poboacional:

Gurugu

O uso da forma de xeito espontáneo desde 1913 semella indicar que o nome xa podería circular con normalidade; a partir dese momento, o topónimo toma relevancia e trasládase á documentación municipal: nun pleno do concello da Coruña acordouse o estudo dunha proposta presentada por dous concelleiros “relativa a instalar dos fuentes en la barriada conocida por el Gurugú”

Non foi o Gurugú da Coruña o único nin o primeiro lugar de Galicia que tivo este exotopónimo como alcume despreciativo: en Ourense, a “gente maleante” tiña “como puntos de reunión El Gurugu, Marinamansa y Calvos”.Houbo tamén un Gurugú en Corme do que, infelizmente, hoxe non queda rastro.

 

.

Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…