Pazos Nomeado é o nome do proxecto co que o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua Galega do CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén, cos profesores Víctor Rodríguez Romero e Vicente Fontela Piñón á fronte, está a colaborar na recompilación da microtoponimia deste concello pontevedrés.
O alumnado de 4º da ESO deste centro educativo participou con entusiasmo na actividade formativa organizada pola concelleira María Dolores Santoro Couñago mais o responsable da Biblioteca Municipal (Bibliopazos), José Manuel Soto Virulegio. Baixo o título “Obradoiro de recuperación da memoria toponímica de Pazos de Borbén”, esta actividade tivo lugar na aula de informática do CPI Curros Enríquez e foi impartida por Vicente Feijoo Ares, coordinador técnico do proxecto colaborativo Galicia Nomeada.
O obradoiro tivo unha primeira parte máis teórica na que se fixo fincapé na importancia da toponimia como patrimonio cultural e no perigo que corre de desaparecer, seguida dunha segunda parte práctica na que o alumnado aprendeu a introducir a través da aplicación Galicia Nomeada os microtopónimos que previamente recolleran nas súas aldeas.
Na aula de informática onde se desenvolveu a clase práctica, a rapazada tamén contou coa presenza de dúas informantes de luxo: Josefa González Vidal (76 anos), sabedora de centos de topónimos da súa parroquia de Pazos e da literatura popular asociada a algúns deles; mais a historiadora María Barreiro, nativa da parroquia de Amoedo e membro da súa Comunidade de Montes, que fixo un traballo de carácter histórico desta parroquia onde inclúe tamén a súa toponimia. Ademais dos microtopónimos que achegaron, o alumnado puido contrastar con elas a pronuncia dos nomes na fala local.
Algúns destes mozos e mozas que participaron na actividade fixeron un chamamento á colaboración da veciñanza no seu proxecto a través deste vídeo. Estamos seguros de que o EDNLG do CPI Curros Enríquez conseguirá xuntar, neste e no vindeiro curso, un bo feixe de microtopónimos e de lendas asociadas á multitude de restos arqueolóxicos existentes neste concello.
Este venres 23 de agosto tivo lugar en Cervás a presentación dun extraordinario traballo de recollida e rexistro da talasonimia, isto é…
O IES de Meaño, un dos centros máis activos na plataforma Galicia Nomeada, presentou un interesante proxecto de posta…