Porvenza e Valdolide, dous lugares da Pobra do Brollón que semellan doutras latitudes

Un exónimo é unha palabra que se emprega no ámbito da onomástica para referirse ás adaptacións tradicionais que se fixeron de topónimos doutras linguas. Londres, por exemplo, sería o exónimo tradicional en galego do topónimo orixinal en inglés London. Dúas aldeas da Pobra do Brollón teñen semellanza fonética con outros dous exónimos: Porvenza e Valdolide, o primeiro coa rexión francesa chamada Provenza e o segundo coa provincia castelá-leonesa chamada Valladolid.

Noutrora, os exónimos tiveron moita vitalidade e mesmo algúns que foron comúns no galego medieval hoxe están rexeitados no galego común. Valadolide é un exemplo disto, pois a forma arcaica para a cidade castelá de Valladolid xa non é válida. Nicandro Ares dá conta da semellanza fonética entre Valdolide e Valadolide e mesmo afirma a súa correspondencia. Valladolid é un topónimo sobre o que non hai consenso na súa orixe. Algúns etimólogos fano proceder de balad Walid,‘vila de Walid’, onde Walid sería un antropónimo ou tamén ‘goberbador’; outros, dun balad ualid, onde ualid tería o significado de ’fillo, rapaz’.

Edelmiro Bascuas, porén, propón como étimo deste topónimo da Pobra do Brollón, tamén presente en Touro e Ourense, un VALLIS  DE OLITI, a partir dun OLITUS, nome persoal formado sobre o antropónimo árabe Walid, segundo defende Ana Boullón na súa obra sobre a Antroponimia medieval galega. Por tanto, Valdolide e Valladolid poderían estar emparentados de ser certa a presenza de Walid no topónimo castelán, sobre o que se formaría como falsa latinización o antropónimo Olitus.

Pola súa banda, Porvenza é un topónimo único en todo o Nomenclátor de Galicia que ten similitudes fonéticas coa rexión francesa da Provenza, Provença na súa lingua orixinal.  De feito, temos información recente de que a xente da parroquia de Óutara, onde se atopa esta aldea, pronuncia tamén a forma Provenza para referirse a ela. No que respecta á orixe do topónimo, para a Provença francesa proponse unha evolución do termo latino PROVINTIA ‘provincia’, mentres que para a Porvenza brollosonesa Nicandro Ares aventura a súa orixe nun hipotético VILLA PROVIDENCIA, isto é, as terras que eran posesión dunha persoa chamada PROVIDENTIUS, aínda que esta teoría non nos resulta completamente satisfactoria.

 
Tamén che pode interesar...

Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…

Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…