A raíz hidronímica *TA que une Verín con Londres

Na ponte romana que cruza o río Támega en Chaves (Portugal) existe unha columna conmemorativa que contén unha relación de dez pobos indíxenas da antiga Gallaeciae. O monumento, que é coñecido como o Padrão dos Povos, é unha ofrenda que estas tribos galaicas fan a dous emperadores romanos, Tito e Vespasiano, e nel figura o nome dun pobo cuxa existencia quedou fixada para a posteridade tamén en dúas freguesías de Verín, Tamagos e Tamaguelos.

Os Tamaganos (TAMAGANOS no Padrão dos Povos), foron unha tribo da antiga Gallaecia descoñecida para os grandes xeógrafos: nin Estrabón nin Plinio o Vello a citan nos seus tratados. Porén, hoxe sabemos localizala na actual comarca de Verín, no val do río Támega preto da fronteira con Portugal, grazas aos nomes das aldeas e parroquias chamadas Tamagos e Tamaguelos.

Tamagos remóntanos a un étimo TAMACANOS, cuxo significado sería semellante a  “habitantes da ribeira do Támega’, o río que rega estas terras. Con acentuación esdrúxula e con evolución *TAMACANOS > Tamagãos > Tamagõos > Tamagos, está formado co sufixo creador de xentilicios -ANUS. Para Abelardo Moralejo a base ten que ser *TAMICA ou mellor *TAMACA/TAMAGA. Segundo este investigador, o río Támega porta unha a raíz indoeuropea *TA-, *TAM- ‘fluír’ ou ‘esvarar’, un hidrónimo moi produtivo no só na nosa terra, onde nos deixou os nomes de Tambre, Tamuxe, Tameiga, senón que está presente en toda Europa: o seu descendente máis icónico foi o río Támese.

Pola súa banda, Tamaguelos é unha formación posterior replicante de Tamagos, a partir do sufixo diminutivo arcaico -elo (lat. -ELLUM) e tería un significado semellante a ‘Tamaguiños’ ou ‘Tamagos Pequeno’; isto é, unha entidade de poboación que apareceu posteriormente a Tamagos e da que seguro dependía. 
 

Tamén che pode interesar...

Nós non temos dúbida, en calquera punto de Galicia vívese moi ben... pero hai algúns lugares onde se vive mellor porque xa nolo din os…

A próxima versión do Nomenclátor de Galicia estará composta por case 43.000 topónimos oficial sumando os nomes de concellos,…