Tres hipóteses etimolóxicas para o topónimo Bobadela a Pinta, nome dunha parroquia de Xunqueira de Ambía

Bobadela é un topónimo netamente ourensán, pois dá nome a unha entidade de poboación do concello de Xunqueira de Ambía e outra na parroquia de Santiago de Caldas da capital provincial. Ademais, nomea unha parroquia celanovesa, alén da freguesía xunqueirá chamada Bobadela a Pinta

Existe un amplo consenso entre os expertos en toponimia para considerar que estamos ante un topónimo derivado de Bóveda a través do sufixo diminutivo -ela, un sufixo arcaico que, xa na Idade Media, foi substituído por -iño/a. Agora ben, para o significado do topónimo Bóveda non hai tanto consenso, senón que se barallan varias hipóteses.

O  substantivo do galego común bóveda designa unha ‘obra de fábrica de sección curva, que cobre o espazo comprendido entre dous muros ou varios piares’ e ‘habitación subterránea, labrada sen madeira, cuxa parte superior é de bóveda’. Trátase dunha voz de orixe controvertida: para Joan Corominas é de adscrición latina a partir dun étimo *VOLVITA, derivado de VOLVERE ‘dar volta’; mentres que outros autores defenden a súa adscrición xermánica á palabra *buwiþa, derivada á súa vez do verbo bûan‘ edificar’, como expón Paulo Martínez Lema na súa obra sobre a Toponimia de Begonte e Rábade. O seu significado toponímico pode estar relacionado co que ten o termo común dun xeito literal ou metafórico; isto é, puido estar motivado pola existencia dun edificio dotado deste detalle arquitectónico, ou ben, puido aludir á orografía do terreo que, dun xeito ou outro, lembrase a unha bóveda. 

O a pretónico de Bobadela e o rexistro de formas antigas como Bovada, atestadas para os actuais lugares chamados Bóveda, levou a que outros autores propuxesen un étimo totalmente diferente. Trataríase, xa que logo, dunha formación latino-romance non documentada *BŎVĀTA, derivada de BOVE ‘boi’ e que, por tanto, faría referencia a un ‘lugar de pasto para bois’ ou unha ‘devesa ou curro de bois’. De ser certa esta interpretación, o topónimo que Bobadela de Xunqueira de Ambía tería orixe nunha pequena explotación gandeira.

Agora ben, se aceptamos que Bobadela é un formación diminutiva de Bóveda, cabe aínda unha terceira interpretación: un topónimo replicante doutro. Sería análogo a outros que hai no territorio galego e neste mesmo concello, onde Xunqueiroá é un diminutivo de Xunqueira a través do sufixo -OLAM > oa > oá, co desprazamento acentual propio da zona lucuauriense, ou Busteliño é un topónimo replicante de Bustelo; é dicir, que foi unha entidade de poboación que se creou máis tarde con xente procedente da primeira e cun tamaño inferior. Xa que logo, segundo esta hipótese, Bobadela ben puidera replicar o nome da parroquia de Bóveda do concello veciño de Vilar de Barrio. 

No que respecta á forma gráfica oficial, escrito con dous <B>, Bobadela, fixouse así por ser esta a tradición gráfica consolidade nos nomenclátores dos últimos dous séculos, pero se atendemos ás grafías etimolóxicas debería escribirse como Bovadela.

Xa por último, no que respecta á segunda parte do topónimo, A Pinta, sabemos o que significa esta palabra, ‘que ten unha mancha ou que ten pintas’ ou mesmo pode facer referencia ao anfíbio chamado ‘salamántiga ou píntega’, pero non sabemos cal puído ser a súa motivación. Resulta curioso ver que no Catastro do Marqués de Ensenada aparece mencionada esta freguesía como A Pinta de Bovadela.

A Pinta de Bovadela

 

Tamén che pode interesar...

No ano 1219, o rei Afonso VIII accede a unha “instantiam et petitionem habitanorum”, isto é,  a unha…

Hai etimoloxías populares que se transmiten de persoa a persoa, de século a século, e chegan a converterse en verdades de fe para a…