No ano 1219, o rei Afonso VIII accede a unha “instantiam et petitionem habitanorum”, isto é, a unha instancia e petición da veciñanza para trasladar unha pequena localidade da parroquia de Tiobre, hoxe chamada Betanzos o Vello, a unha nova localización privilexiada que permitía controlar o comercio marítimo: un outeiro fortificado situado entre os ríos Mandeo e Mendo chamado “Castrum de Unctia”. Nacía así unha das vilas de reguengo máis importantes da nosa Idade Media e tamén capital dunha das provincias históricas de Galicia: a “Villa Nova de Betanciis”. Nese ano de 1219 comeza o traslado da poboación ao novo emprazamento, que, ademais das súas pertenzas, levarán consigo o nome da súa poboación, “Betanços / Betancios / Betanzos”, para substituír o antigo topónimo, a “villa de Untia / Unctia” que atopamos atestada na documentación medieval desde o século X.
O topónimo Untia consérvase hoxe na cidade betanceira como denominación da Fonte da Unta. Este antigo pozo convertido en fonte aparece citado xa en documentos anteriores á translación da cidade en 1219. Con todo, este Unta actual é anómalo pois do Untia antigo a evolución esperable en galego sería Onza ou Unza. É probable que a forma Unta se estendese a partir dunha mala lectura de Untia en textos antigos por parte dalgún erudito da historia local, a partir do século XVI, e que desta lectura errónea proveñan os nomes de Rúa da Unta e Fonte da Unta, que hoxe parecen consolidados.
Untia ou Unctia é un topónimo prerromano de difícil interpretación. Nun artigo sobre os nomes antigos de Betanzos e as orixes da cidade, publicado hai xa catro décadas no Anuario Brigantino, Fernando Urgorri propón un improbable étimo TREBHUNGNTIA, de orixe prerromana, cun significado semellante a ‘o castro’ ou ‘a aldea fortificada’. Máis recentemente, Edelmiro Bascuas relacionou este topónimo con Onza, unha illa do arquipélago das Ons, ou co Salto da Onza, unha paraxe do lugar das Pontellas, no Concello de Alfoz do Castrodouro. Segundo o erudito, estes topónimos procederían dunha raíz prerromana *EN-/*ON- co significado de 'auga, charco'. No caso betanceiro, o topónimo estaría motivado pola súa forma de insua cercada polos ríos Mendo e Mandeo.
Ao igual que Untia/Unctia, o topónimo que o substituíu, Betanzos, tamén é escuro e controvertido. No pasado identificouse erradamente co Brigantium das fontes clásicas, A Coruña actual, o que deu pé á utilización dun xentilicio brigantino mesmo para publicacións eruditas como a revista Anuario Brigantino que acabamos de citar. Luis Monteagudo propuxo como étimo unha forma *HABITANCIOS, un etnotopónimo co significado de “poboación de soldados que proveñen do campamento romano de Habitancum”. Porén, como ben se di nun vídeo que publicamos nesta mesma páxina, da forma Habitancios deberiamos ter hoxe un *Abedanzos ou *Bedanzos, por tanto, esta teoría é pouco verosímil.
Pola súa parte, Gonzalo Navaza, na obra Os nomes da provincia da Coruña, expón que a opinión máis estendida considera este topónimo como prerromano partindo dun étimo con dobre t, *bett-, para que se mantivese hoxe en día esa consoante en posición intervocálica e non sonorizase. Con todo, conclúe que ningunha das hipóteses etimolóxicas que se teñen formulado ata o momento é plenamente satisfactoria.
Hai etimoloxías populares que se transmiten de persoa a persoa, de século a século, e chegan a converterse en verdades de fe para a…
Bobadela é un topónimo netamente ourensán, pois dá nome a unha entidade de poboación do concello de Xunqueira…