Hai etimoloxías populares que se transmiten de persoa a persoa, de século a século, e chegan a converterse en verdades de fe para a veciñanza. A que hoxe nos ocupa é a que explica o nome do concello coruñés de Valdoviño. A calquera persoa que se lle pregunte neste concello da Terra de Trasancos non dubida en responder: trátase dun Val do Viño. Esta explicación popular, que xa circulaba no século XVII, foi difundida por moitos escritores, o que contribuíu á súa difusión. Incluso algúns tentaron darlle un carácter científico: Carré Aldao na Geografía general del Reino de Galicia argumentou que nesta terra abundaron noutrora as vides e os seus caldos ata que “a propagación da filoxera acabou practicamente co seu cultivo”. Se non è vero, è ben trovato.
Agora ben, esta etimoloxía conta con dúas importantes eivas que impiden a súa verosimilitude: a primeira, que non atopamos ningún testemuño antigo nos documentos escritos en que se poida ver o sintagma separado; a segunda, que o viño neste concello sempre foi un cultivo de escasa importancia, segundo os historiadores locais.
Á luz do anterior, máis recentemente algúns autores presentaron as súas hipóteses alternativas para explicaren o topónimo Valdoviño. O lembrado Cabeza Quiles suxeriu a procedencia dun nome persoal latinizado, BALDOVINUS, tese que foi rotundamente apoiada por Álvaro Porto da Pena. Segundo estes autores, o antropónimo está amplamente documentado na prosa notarial medieval, mais case non deixou testemuños toponímicos.
Esta tese presenta un atranco para darlle veracidade: o topónimo Valdoviño é unha creación relativamente recente, talvez do século XVII, pois anteriormente o nome da parroquia de Valdoviño era Santalla de Aviño ou Avinio; así é como se rexistra desde o século XII ata o XVII. Partindo destes testemuños antigos, Edelmiro Bascuas supuxo a existencia dunha corrente de auga denominada Aviño relacionada coa raíz prerromana *Ab- ‘río’, a mesma raíz presente en topónimos como Avia ou Aveiro. Bascuas argumentou que Valdoviño é paralelo a outros “tantos casos de ríos que terminan dando nombre al valle que riegan, como Valedouro (...), Val do Dubra, Val Miñor, Valderas, Valduerna”.
Varios autores obxectaron a esta tese que a orografía do lugar non permite falar dun val. Porén, Gonzalo Navaza sostén na súa obra Os nomes dos concellos da provincia da Coruña que hai paralelos do uso de Val na zona “para referirse a parroquias contiguas coñecidas por nomes que só se diferencian na advocación” e pon como exemplo Val de Sillobre para os antigos Santa Mariña, San Xiao e San Salvador de Sillobre”.
Por tanto, Valdoviño sería un sintagma toponímico aglutinado — en orixe formado por tres elementos, Val + de + Aviño —, cuxo último elemento non sería o substantivo do galego común viño, senón un hidrónimo de orixe prerromana, Aviño.
Bobadela é un topónimo netamente ourensán, pois dá nome a unha entidade de poboación do concello de Xunqueira…
As tautoloxías, ou sexa, a repetición dunha mesma idea expresada de diferentes maneiras, é un fenómeno…