Unha allada non sempre dá sabor ao prato

Que erga a man a galega ou o galego que non comeu nunca unha comida con allada! Xa sexan os modestos grelos ou patacas ou os máis refinados peixes sapos ou pescadas, a allada é un dos mollos galegos máis sinxelos pero tamén máis afamados e constitúen un auténtico sinal de identidade da nosa gastronomía. Porén, hai persoas en Galicia a quen, diante dunha allada, haberá que lles especificar "do prato" ou "da costa".

Pola parte de Cedeira, a Allada da Condesa, a Allada das Cascas ou a Allada da Pena Longa non son especiliades culinarias que poden degustar nas cafetarías e restaurantes do Malecón. Estas e outras moitas alladas son entrantes de mar na costa que non se poden cualificar como baías, esteiros ou foces.

Segundo Porto da Pena, unha allada constitúe un pequeno entrante de mar que se caracteriza por unha certa tranquilidade das augas e, xa que logo, onde os mariñeiros buscan acubillo nos casos de temporal. Segundo o propio autor, a palabra sería un sinónimo de enseada e procedería de *ANGULATA, un derivado de ANGULUS, "ángulo ou recuncho" ben polas zonas angulosas que delimitan a allada, ben por se tratar dun "recuncho",

A allada é, pois, unha tipoloxía específica da costa de Cedeira que tamén se atopa no veciño concello de Valdoviño.

 

Tamén che pode interesar...

O pasado 3 de marzo, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o director do…

O Monte Louro é testemuña dun fenómeno natural que, malia de se producir cando menos dúas veces ao ano, non deixa de…