A toponimia do conxunto de España amosa abundantes mostras de referencias ás augas, mananciais ou fontes, pois estas foron e son indispensables para a vida cotiá da poboación e tamén, como non podía ser doutro xeito, nas diferentes vías de peregrinación a Santiago de Compostela. Esta é unha das conclusións ás que chega o profesor Emilio Nieto Ballester no artigo “Aqua dulcis et sana ad bibendum: la toponimia de las fuentes y manantiales en el Camino de Santiago”, que acaba de ver a luz formando parte da obra Os camiños de Santiago de Europa a Galicia. Lugares, nomes e patrimonio.
No artigo, Emilio Nieto Ballester propón unha visión xeral da “amplia serie de topónimos que muestran el concepto fuente, agua que mana, manantial” nas linguas de España. Tras reparar nos principais derivados do latín FONTE e FONTANA e os patróns semánticos máis salientables que se repiten na toponimia peninsular respecto destas realidades, queremos facer fincapé sobre dúas formas menos evidentes, tamén empregadas para indicaren a presenza dun manancial e que deixaron pegada na toponimia galega: trátase das palabras ‘voz’ e ‘ollo’.
A primeira delas, voz, é moi común no catalán, que “documenta abundantemente el sustantivo veu (<lat. vŏce) con un significado cercano a “corriente de agua pequeña, sobre todo subterránea”, segundo o autor. Mais este uso semántico non é exclusivo do espazo lingüístico catalán, pois en Galicia rexistramos algún caso do uso da forma voz en contextos semellantes: Na parroquia de Castro, no concello pontevedrés de Cercedo Cotobade, rexistramos unha Fonte da Voz, topónimo que se repite nas proximidades do lugar de Alemparte, na freguesía de Landrove, en Viveiro. A orixe deste topónimo talvez pode estar relacionado cun uso metafórico do termo voz, ao se escoitar un murmurio ou un ruído semellante á voz humana cando a auga abrolla nestas fontes.
Moitos máis abundantes son os derivados toponímicos que atopamos na nosa xeografía da palabra común ollo. Aínda que nas diversas acepcións que recolle o Dicionario da Real Academia Galega non estea a de manancial, feito que se si se dá para o castelán, existen varios mananciais no noso territorio que se denominan simplemente O Ollo, como este do Corgo ou estoutro de Santiso; ademais de diversos derivados como O Ollo da Fonte (en Muras, A Rúa ou Xermade) ou O Ollo do Río (en Lourenzá). Hai tamén o topónimo Fonte do Ollo en Xermade, en Ribeira de Piquín, en Oímbra, Arzúa ou Lalín .
E non podemos esquecer que o pai de todos os nosos ríos, o Miño, ten na lagoa de Fonmiñá os seus famosos ollos, unhas burbullas que se forman neste depósito de auga e que a tradición popular atribuíu aos Xacios, uns seres mitolóxicos metade peixe metade home.
O estupendo artigo de Emilio Nieto Ballester, “Aqua dulcis et sana ad bibendum: la toponimia de las fuentes y manantiales en el Camino de Santiago” pode consultarse na obra Os camiños de Santiago de Europa a Galicia. Lugares, nomes e patrimonio libre para descarga na nosa páxina web.
Entre os séculos XVI e XVIII, os padais máis exquisitos da Corte Real devecían por unha receita de ostras en escabeche. Esta preparación…
Atopar o significado orixinario dun topónimo é, ás veces, unha tarefa ben complicada, especialmente naqueles casos como o que hoxe…